2.500 empresas contrataron servizos e obras coa Deputación de Pontevedra durante 2013
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou esta mañá o “papel de dinamizador económico” que exerce a Deputación de Pontevedra na provincia, como demostra o feito de que no 2013 contratase obras ou subministracións con preto de 2.500 empresas.
Deste xeito, preto de 2.000 empresas dotaron de subministracións á Deputación e outras 480 empresas resultaron adxudicatarias de obras, o que supuxo un volume de negocio próximo ós 100 millóns de euros.
Rafael Louzán incidiu en que estes datos demostran que a Administración provincial non cesou na súa actividade, senón que mantén un destacado esforzo inversor “que xera recursos económicos para a provincia”.
Estes datos confirman, asegurou, “o papel de dinamizador económico que exerce a Deputación na provincia”, ó tempo que o organismo provincial “contribúe de forma notable ó mantemento da actividade de moitas empresas e á xeración de emprego”.
O balance de Intervención destaca tamén a axilidade da institución provincial á hora de lles pagar ós seus provedores, dado que o período medio de pagamento se sitúa en 18 días (12 días antes do máximo establecido por lei).
Así mesmo, ó longo do pasado ano, a Deputación aboou preto de 17.000 facturas.











