Xunta, Deputación de Pontevedra e a Federación de Confrarías abren catro liñas de axuda para impulsar o sector pesqueiro
Dar un novo pulo ó sector pesqueiro e marisqueiro da provincia de Pontevedra é o obxectivo da xuntanza que esta mañá mantiveron no Pazo provincial o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e os representantes das confrarías da provincia.
Desta xuntanza saíu un acordo de cooperación e coordinación, que vai permitir que a Deputación complemente as accións que a Xunta de Galicia está a levar a cabo para a promoción do sector, coa apertura de catro liñas de axuda centradas nos piares básicos para o futuro do sector: o aumento da produción, a mellora da comercialización, a formación e a dotación de persoal cualificado ás confrarías para unha xestión máis eficaz.
Rafael Louzán indicou que estas achegas –que se calcula que se situarán arredor dos 500.000 euros– se van realizar de forma coordinada con todas as confrarías, que serán as que concreten, de forma conxunta e da man da Federación de Confrarías da provincia, cales son as súas necesidades nos catro aspectos sinalados, para que, unha vez definidas, a Deputación lles dea cobertura por medio dun convenio coa Federación Provincial de Confrarías.
Producir máis e vender mellor
Louzán anunciou que a Administración provincial subministrará a semente necesaria para rexenerar os bancos marisqueiros, de forma que se poida aumentar a produción e que o sector poida seguir actuando como “motor de emprego” na provincia.
Tanto o presidente da Deputación coma a conselleira do Mar e o propio responsable da Federación de Confrarías, José Antonio Gómez Castro, incidiron na relevancia desta actuación, pois as dificultades económicas que os pósitos teñen nestes momentos dificultan mesmo a adquisición desta semente e, en consecuencia, poñen en perigo a produción.
Igual de relevante é o plan de mellora da comercialización que desde as confrarías se quere impulsar e para o cal a Deputación facilitará o equipamento e os medios técnicos e materiais necesarios. O obxectivo é dar maior saída ós produtos propios, para o cal se actuará tanto nas propias lonxas coma no envasado e etiquetado dos produtos, en accións de marketing, eventos de promoción gastronómica ou publicidade.
Formación e cualificación
Outro factor sobre o que se quere incidir é a mellora da formación e a profesionalización das confrarías.
O sector amosou as dificultades actuais para contratar persoal cualificado, que permita unha xestión máis eficiente, así como para mellorar a formación dos profesionais da pesca e o marisqueo, que precisan dunha continua adaptación ós cambios normativos.
A Deputación valerase do Plan de práctica laboral en empresas que ten en marcha nestes momentos para dotar a todas as confrarías da provincia de persoal titulado, que lles permita unha xestión máis profesional e efectiva.
Os bolseiros traballarán durante un ano nestes centros; o obxectivo é que poidan continuar cun contrato de traballo. Neste sentido, Rosa Quintana quixo felicitar a Deputación por esta iniciativa de xeración de emprego; amosouse convencida de que é unha boa maneira de que as confrarías perciban os beneficios dunha xestión profesionalizada e poidan mellorar a súa situación actual.
Finalmente, a Administración provincial actuará tamén na mellora da formación dos profesionais do mar, financiando os cursos que precisan realizar para adaptarse á nova lexislación.











