publicidade hoxe

Unión dos distintos organismos para que a Ribeira Sacra sexa ben integrante do Patrimonio Mundial da Unesco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaEsgosGaliciaLocalOurensePortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, expresou o apoio da Xunta de Galicia á candidatura da Ribeira Sacra como ben integrante do Patrimonio Mundial da UNESCO. Fíxoo no transcurso do acto de sinatura do convenio a través do cal as Deputacións de Lugo e Ourense, e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra se comprometen a colaborar para o desenvolvemento das actuacións necesarias para presentar ante o Centro do Patrimonio Mundial da devandita organización a proposta de inscrición da Ribeira Sacra para esta declaración, un compromiso ao que se uniu tamén o Valedor do Pobo.

O conselleiro manifestou a vontade da Xunta de Galicia de apoiar e asesorar tecnicamente os traballos de estudo e elaboración da candidatura, “coa finalidade de axudar a realizar un documento solvente, completo e cientificamente viable que permita obter os mellores resultados neste camiño que agora se retoma, e que ten por destino final o recoñecemento do valor universal excepcional da Ribeira Sacra, do que todos os galegos e galegas, e dun xeito moi especial ourensán e lugueses, somos sabedores e estamos convencidos”. Xesús Vázquez quixo ademais felicitar “a todas as administracións, institucións e entidades involucradas, dun xeito moi especial a ambas as dúas deputacións, polo impulso conxunto, pola suma de vontades que supón esta sinatura”, así como aos habitantes da Ribeira Sacra, “por vivir e dar vida a esta síntese de vizosa natureza e extraordinario patrimonio cultural”.

A maiores das actuacións comprometidas polos asinantes do convenio, será a Xunta de Galicia quen tramite a candidatura e supervise o contido da mesma antes do seu envío ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co obxecto de que sexa presentada ante a UNESCO polo Reino de España.

A Xunta de Galicia ven manifestado a súa vontade de apoiar e asesorar tecnicamente os traballos de estudo e elaboración da candidatura da Ribeira Sacra, coa finalidade de axudar a realizar un documento técnico solvente, completo e cientificamente viable que fundamente a proposta e que se axuste aos criterios fixados polo Comité do Patrimonio Mundial; un compromiso que quedou ratificado coa presenza do conselleiro neste acto celebrado no Mosteiro de San Pedro de Rocas.

No acto estiveron presentes – como asinantes- os presidentes das Deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e José Ramón Gómez Besteiro; e o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto. Ademais do conselleiro, e entre outras autoridades, asistiu o Valedor do Pobo, José Julio Fernández; o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez; e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

14 de decembro de 2013 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.