publicidade hoxe

O deporte galego participa no Campionato de España de clubs de Taekwondo en Marina d´Or con récord de participación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Un ano máis Galicia estará presente, e de que forma, no Campionato de España de Clubs. Cento trinta deportistas pertencentes a 19 clubs galegos participarán no Campionato de España que se disputará esta fin de semana en Marina D´Or (Castellón). O Natural Sport Videlgi de Ribeira, pese ás baixas, tentará repetir o título de campión de España de combate, que se logra trala suma dos resultados nas tres categorías (júnior, cadete e sénior). Pero ademais, tamén se celebrarán os campionatos de España de Exhibición adulto e infantil, os campionatos de España de Free Style e Hapkido, a Copa do Rei de técnica e a Copa do Rei de TK-5 (estas por vez primeira). En total, uns trescentos deportistas galegos, en tres días de intensas competicións e títulos.

O venres, exhibición, Copa do Rei, free style e hapkido. O torneo comezará o venres a partir das 14 horas coa celebración da Copa do Rei de técnica na que están inscritos 283 deportistas e cunha importante representación galega. Posteriormente celebrarase o Campionato de España de Free Style e continuarán co de Exhibición, onde Galicia tentará repetir os éxitos dos anos anteriores.

No 2012 na categoría infantil o título foi para o Mace Sport B, mentres que o equipo A do club pontevedrés logrou a medalla de prata. No terceiro chanzo do podio houbo empate entre o Tao e o Olimpic. En adultos, o Tao proclamouse, novamente, campión de España, mentres que segundo foi o Olimpic de Vilagarcía e no terceiro posto houbo empate entre o Patiño e o Mace Sport. Así, ao final, oito medallas para Galicia.

Este ano en adultos participarán o Tao (actual campión) con dous equipos, Mace Sport e Olimpic (actual campión galego), mentres que en infantil os clubs galegos que loitarán polo título son Tao (dous equipos), Mace Sport (actual campión), Yidam-CEIP Balaídos, Taekanart, Kwon Betanzos e o Natural Sport Sada. O Campionato de España de Clubs. Este ano a participación é de récord con 1.097 deportistas inscritos nas tres categorías (entre eles 130 galegos) e hai pesos onde participan máis de 50 deportistas, polo que acadar un título será moito máis complexo. O Natural Sport Videlgi de Ribeira viaxa co obxectivo de revalidar o título (xa leva seis anos proclamándose campión de España de forma consecutiva), pero ten moitas e importantes baixas.

Pese a todo, viaxa coa máxima ilusión e con gañas de facer historia novamente. O sábado pola mañá será a quenda para a categoría cadete, onde Galicia participa con 48 deportistas (24 homes e outras tantas mulleres) pertencentes a 10 clubs galegos. Pola tarde (a partir das 15:30 horas) poderemos ver sobre o tapiz aos séniors. Quedará para a xornada do domingo, a competición júnior (pola mañá), co que se pechará o Campionato de España de Clubs, pero non a competición en Marina D´Or. Haberá unha sorpresa máis para os seguidores do taekwondo, xa que por vez primeira en España celebrarase a Copa do Rei na modalidade de TK-5.

Galicia presenta equipo tanto masculino coma feminino para esta nova competición. En TK-5 cada equipo está conformado por cinco competidores titulares, un reserva e un técnico. É un sistema de combate por equipo onde gaña quen sume máis puntos durante dous asaltos. Dous asaltos de cinco minutos cun minuto de descanso. O primeiro de cinco minutos, onde cada competidor deberá estar no tapiz durante un minuto. Logo dun minuto de descanso e no seguinte asalto, comeza unha competición de relevos ilimitados, onde os técnicos, segundo a súa táctica, elixen quen entra e quen sae. O único condicionante para poder cambiar o competidor, é que o deportista realizase un mínimo de tres ataques. Esta modalidade utilizouse este ano no Campionato do Mundo por equipos e nos Sports Accord World Combat Games.

O equipo galego masculino está formado por Raul Bouzas (Natural Sport Videlgi), José Real (Natural Sport Videlgi), Angel Parada (Natural Sport Videlgi), Pablo Fernández (Mat´s), Borja Ríos (Hebe) e Pablo Carou (Natural Sport Videlgi). O feminino contará con: Lucía Ferrari (Patiño Moaña), Anara Brión (Natural Sport Videlgi), Lúa Piñeiro (Natural Sport Videlgi), Katia Calvar (Mat´s), Lara Ouviña (Natural Sport Videlgi) e Estefanía Hernández (Natural Sport Videlgi). Destacar a participación de Fani Hernández, que levaba moito tempo apartada dos tapices despois de dúas lesións moi graves no nocello.

 

19 de decembro de 2013 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.