Nova convocatoria para que as persoas con discapacidade poidan traballar en empresas da provincia pontevedresa
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou hoxe que o vindeiro ano a institución provincial realizará unha nova convocatoria de bolseiros para que as persoas con discapacidade poidan traballar en empresas da provincia.
O proceso será similar ó Plan en virtude do cal a Deputación financia, durante un ano, o traballo de 500 mozos titulados en preto de 400 empresas da provincia. Non obstante, no caso da convocatoria para as persoas con discapacidade, no proceso anotaranse, en primeiro lugar, os titulados con discapacidade e, despois, baseándose nos perfís laborais que xurdan, definiranse os tipos de empresas, xa que algunhas destas persoas non poden traballar en determinado tipo de empresas.
Louzán destacou que a porcentaxe destes traballadores no Plan “será importante” e engadiu que, á marxe deste Plan, a Deputación abrirá outra convocatoria no 2014 para outros 500 mozos titulados.
O próximo 30 de decembro as preto de 400 empresas, que contarán con 500 bolseiros durante un ano, asinarán na Deputación os correspondentes convenios, aínda que algunhas delas –que non poden asistir o luns– xa asinaron hoxe os acordos.











