Louzán e Figueroa potenciarán o turismo internacional con mellores servizos, en colaboración co sector
Orientar as políticas de crecemento do sector turístico cara a obxectivos concretos, coma a captación dun maior número de visitantes internacionais, e mellorar os servizos ós turistas en xeral son os dous grandes obxectivos marcados pola Deputación de Pontevedra para o ano 2014. Así o confirmaron esta mañá en Soutomaior o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o vicepresidente José Manuel Figueroa durante a reunión cos 60 bolseiros contratados durante 2013 como axentes turísticos, que estiveron prestando os seus servizos nas oficinas de información e nos concellos da provincia.
Louzán e Figueroa resaltaron, de forma especial, o proxecto Smart Destinos, que desenvolve Turismo Rías Baixas, co patrocinio da UE e en colaboración coa EOI, a consultora PricewaterhouseCoopers (PwC), a multinacional de telecomunicacións Indra e o Goberno central, como experiencia piloto de potenciación do sector en España.
Smart Destinos pretende xerar unha ferramenta na rede, da que poderán valerse preto de 40.000 empresas da provincia, relacionadas co turismo e os servizos, para multiplicar as súas ofertas e compartir loxística. Ó mesmo tempo representará a creación da maior base de datos do turismo provincial en tempo real, que ampliará a gama de servizos e facilitará a toma de decisións estratéxicas; todo iso pensado para mellorar a relación cos turistas e a capacidade de atracción nacional e internacional da marca Rías Baixas.
Durante o encontro desenvolvido en Soutomaior os 60 bolseiros participaron nunha enquisa activa que serviu para localizar oportunidades e determinar as demandas máis usuais dos visitantes da provincia.
Rafael Louzán e José Manuel Figueroa anunciaron que este tipo de xuntanzas de traballo se repetirán nos próximos meses cos empresarios do sector, nas diferentes comarcas, para reunir a maior cantidade de información posible e facer máis eficiente a toma de decisións estratéxicas.
Conclusións
A xornada marcou como obxectivos localizar os países con maior potencialidade para o turismo das Rías Baixas, así como os segmentos cunha mellor capacidade de atracción de visitantes. Algunhas das maiores demandas detectadas neste ano foron as visitas culturais, o turismo enogastronómico ou o denominado turismo activo. Os países con maior proxección para captar turistas no próximos cinco anos, que rexistrarán un maior crecemento en canto ó número de visitantes a España, serán Rusia, México, China, Brasil e Estados Unidos, por esta orde.
Na actualidade o 83% dos turistas que recibe a provincia de Pontevedra son nacionais e un 17% estranxeiros. A media de gasto diario dos turistas españois é de 32 euros, mentres que os estranxeiros gastan, máis ou menos, 102 euros ó día.
O obxectivo para os próximos anos é aumentar, de forma exponencial, a chegada de visitantes internacionais e potenciar, ó mesmo tempo, o turismo nacional e de proximidade, con mellores ofertas e servizos.
Os técnicos da Deputación anunciaron tamén a próxima posta en funcionamento dunha páxina web renovada, na que se integrarán maiores e mellores servizos para os turistas nacionais e internacionais. A intención é que o novo portal de internet estea plenamente operativo no próximo mes de febreiro.
Tanto o presidente coma o vicepresidente da Deputación eloxiaron o traballo dos bolseiros de turismo e aseguraron que esta iniciativa “xeradora de servizos pero tamén de emprego” terá continuidade durante o vindeiro ano. Neste sentido, subliñaron os 20 millóns de euros investidos durante 2013 para crear 3.000 empregos, con programas específicos para darlles unha oportunidade, en empresas e concellos, a mozos sen experiencia laboral.
“Esperamos que moitos deles consoliden os seus traballos e, en calquera caso, seguiremos apostando por esta vía de axuda ós mozos durante o ano 2014”, sinalaron os responsables da Deputación.











