Feijóo avanza a licitación inmediata do proxecto de rehabilitación do Santuario da Virxe da Barca

Feijóo na visita ao santuario tras o incendio
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe o compromiso da Xunta co Santuario da Virxe da Barca e avanzou a licitación de forma inmediata do proxecto de rehabilitación e reconstrución integral do templo. “De forma inmediata, o Goberno galego acaba de adoptar a decisión de licitar o proxecto construtivo, que ten que ser un proxecto meticuloso e cunha solidez técnica adicional para proceder de forma inmediata, posteriormente, á rehabilitación e reconstrución total do templo”, explicou.
Feijóo afirmou, deste xeito, que se executará a rehabilitación, a construción e a reconstrución arquitectónica do templo, se ben, recoñeceu que, neste momento, o prioritario é apuntalar o edificio, reconstruír a cuberta e facer unha limpeza integral ao que engadiu a necesidade de esperar ás valoracións dos técnicos de Patrimonio, que levan traballando desde onte no lugar.
Durante unha visita ao santuario, para comprobar o seu estado tras verse afectado nas últimas horas por un incendio, Feijóo subliñou tamén que nas vindeiras semanas a Xunta manterá unha reunión co Bispado, o Arcebispado, a Deputación Provincial da Coruña e a Alcadía do Concello de Muxía para establecer a folla de ruta a seguir.
O titular da Xunta insistiu en que primeiramente hai que controlar os danos producidos e tomar decisións inmediatas para que eses danos queden controlados e non se amplíen como consecuencia de posibles derrubamentos que poden afectar a bóveda. “Estamos traballando desde onte e imos seguir traballando e espero que en poucos meses poidamos ver este templo rehabilitado. Entre todos imos ser capaces de estar á altura deste momento para que, no menor tempo posible, coas maiores garantías, co maior rigor arquitectónico e co maior rigor na rehabilitación poidamos ver a rehabilitación integral deste templo”.
Feijóo agradeceu o traballo de todos os que participaron nas labores de extinción “e de todos os que seguen a traballar no lugar” e destacou a grande importancia que o santuario ten, tanto pola súa historia como polo seu atractivo turístico, para a comarca e para toda Galicia. “Estamos ante un lugar emblemático de gran valor cultural, turístico e económico. E, en consecuencia, somos conscientes de que esta tarefa é unha tarefa colectiva que nos compromete. E estou convencido de que entre todos seremos capaces de rehabilitar e reconstruír este lugar, para que este santuario da Virxe da Barca volva ser o que é: un centro de peregrinación, un centro cultural, turístico; o gran símbolo colectivo de Muxía e da Costa da Morte e, tamén, un dos grandes símbolos colectivos da Galicia mariñeira”.