Arde o Santuario da Virxe da Barca en Muxía e Feijóo comprométese cos veciños a reconstruílo
Esta mañá aparecía o Santuario da Virxe da Barca en chamas, causadas nun principio pola caída dun raio. Ata o lugar desprazáronse os bombeiros e protección civil, pero non puideron evitar que se queimara o Santuario.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en conversación telefónica co alcalde de Muxía, Félix Porto, transmitiulle a solidariedade e o apoio da Xunta aos veciños ante o acontecido, e comprometeuse a reconstruír, entre todos, o Santuario da Virxe da Barca, un lugar emblemático e de referencia na Costa da Morte.
Feijóo lamentou o suceso e destacou a grande importancia que o santuario ten, tanto pola súa historia como polo seu atractivo turístico, para a comarca e para toda Galicia. O presidente da Xunta subliñou a gran devoción dos mariñeiros cara á Virxe da Barca e a importancia que ten o santuario para moitos peregrinos que, tras visitar Compostela, deciden finalizar alí o seu Camiño.