publicidade hoxe

Aprobados investimentos por 6,3 millóns de euros nas actuacións do Plan de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acordou a concesión de subvencións, por un importe de 6.316.613 €, para diversas obras nos concellos da provincia, no marco do Plan de Obras e Servizos da Administración provincial.

Esta relación é a primeira dunha serie de proxectos que os concellos presentaron nos últimos meses para obter financiamento por parte da Deputación, que se completarán nas vindeiras semanas coa aprobación de novas axudas, en concorrencia competitiva, ata completar un total de 12 millóns de €.

As actuacións incluídas neste Plan superan as 140, das cales 43 foron aprobadas hoxe; súmanse ás que se foron autorizando en días pasados, coma as obras do campo de fútbol de herba sintética de San Adrián, en Vilaboa.

A Deputación financiará integramente as obras na meirande parte dos casos: concretamente, no 89% dos casos a Administración provincial corre co custo total dos traballos, mentres que no 11% restante haberá achegas dos concellos.

Desta forma o investimento total nas 43 actuacións ascende a 9,1 millóns de €.

Obras prioritarias

Trátase de obras prioritarias, xa que o groso dos investimentos se refire a actuacións de acondicionamento, mellora ou humanización das vías, especialmente dos camiños rurais (29 obras, o que representa o 67% dos proxectos subvencionados).

As restantes obras refírense ós servizos básicos de abastecemento e saneamento, ós que se suman algunhas obras de mellora ou creación de espazos verdes, de lecer ou culturais.

Rafael Louzán fixo fincapé en que se trata dun Plan de investimentos co cal a Deputación vai permitir que se realicen obras relevantes nos 60 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, cun investimento global de 12 millóns de €.

Obras no contorno de Pontevedra

Entre as actuacións aprobadas esta mañá figuran, na comarca de Pontevedra e o seu contorno, obras nos concellos de Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Poio, Ponte Caldelas e Marín.

Nos sete casos os investimentos permitirán realizar obras de carácter básico e prioritario, xa que atenden á necesidade de mellorar vías de comunicación e servizos fundamentais coma os de abastecemento e saneamento, financiadas integramente pola Deputación.

En Barro realizaranse obras por valor de 67.675 € na rúa Areal, mentres que en Campo Lameiro a subvención da Deputación, que ascende a 102.669,86 €, vai orientada a mellorar os accesos e a dotar de aparcadoiros os núcleos rurais de Reboredo, na parroquia de Fragas, Couso e Muimenta.

A mellora dos camiños rurais é tamén o fin da achega que se destinará ó Concello de Cotobade, que ascende a 60.055,17 €, e da concedida ó Concello de Poio.

Neste último municipio financiarase con 114.391,67 € a pavimentación e mellora do firme nos camiños de Monforte, Cotorela, Mato, Outeiro e Fonte, e con 75,245,74 € a pavimentación e dotación de servizos no camiño de Tarrío. Trátase de dúas obras que pretenden corrixir as deficiencias que actualmente presentan estas vías, aproveitando, no caso de Tarrío, para dotar de servizos a zona.

En Marín humanizarase a rúa Almuíña, cun orzamento de 373.911,60 €, achegados integramente pola Deputación.

Finalmente, en Ponte Caldelas e na Lama as subvencións van orientadas á mellora ou dotación de servizos de saneamento e abastecemento de auga. En Ponte Caldelas financiarase con 72.984,21 € a construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Taboadelo, para mellorar e completar o servizo de saneamento desta zona; mentres que na Lama os traballos se centraran na mellora da rede de abastecemento de auga potable ós núcleos de poboación de Fentosa, Campo, Ventoselo, Paradela de Xende e Gaxate.

9 de decembro de 2013 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.