publicidade hoxe

A Xunta declara “de emerxencia” a recuperación integral do santuario da Virxe da Barca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaMuxíaPortada dereita
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a declaración de emerxencia das actuacións necesarias para a recuperación integral do Santuario da Virxe da Barca, unha rehabilitación que, segundo indicou, “se fará no menor tempo posible do que sexamos capaces”. Así o sinalou na rolda de prensa do Consello da Xunta, que hoxe abordou un informe sobre a tramitación de emerxencia do expediente de contratación da elaboración do proxecto básico e de execución para a rehabilitación do templo de Muxía. “Estamos traballando para facer ese proxecto construtivo de rehabilitación integral”, afirmou Feijóo, destacando que “estamos traballando e se vai seguir traballando sen pausa na recuperación integral do templo da Virxe da Barca de Muxía”.

O mandatario galego recoñeceu, na súa intervención, que o incendio é “un duro golpe que será inesquecible por moito tempo para toda a Costa da Morte, para Muxía, para Galicia e para todos os que queren a Galicia”, posto que se trata dun ben que ten un enorme valor, tanto cultural e relixioso, como turístico e económico, ou sentimental. Un valor cultural e relixioso, explicou, porque A Virxe da Barca “é un dos santuarios máis antigos e máis arraigados no patrimonio de Galicia”; un valor turístico, porque “é o principal atractivo de Muxía e un dos principais atractivos da Costa da Morte”, sinalou, lembrando que moitos peregrinos deciden continuar o seu Camiño desde a Catedral de Santiago ata este templo de Muxía; e un valor “sentimental, non só para os veciños de Muxía, para os veciños da Costa da Morte, non só para os crentes ou non crentes, senón para todos aqueles que teñen unha querencia por Galicia, sexan galegos ou non”, abundou.

“Por todas estas razóns é evidente que o ocorrido é unha desgraza de magnitudes importantes que cómpre avaliar e que cómpre paliar na medida do posible e no menor tempo posible do que sexamos capaces”, incidiu o mandatario autonómico sinalando, que, loxicamente hai partes que non se poderán recuperar, como o retablo, “a principal perda irrecuperable que sufrimos o día de Nadal”, indicou.

“Pero iso non significa que debamos dar o resto por perdido, ao contrario”, remarcou Feijóo, insistindo en que desde as primeiras horas que se coñeceu o incendio se traballou, séguese a traballar e seguirase trallando “sen pausa” para a recuperación “integral” do Santuario da Virxe da Barca.

Fases da rehabilitación

O presidente da Xunta destacou que a primeira fase deste proceso, xa practicamente rematada, foi, desde un primeiro momento, “minimizar todo o posible os danos producidos polo incendio”. Lembrou, a este respecto, o traballo realizado por todos os corpos de emerxencia que interviñeron desde un primeiro instante, e a pesares das condicións climatolóxicas adversas, para tentar apagar cando antes o incendio.

En segundo lugar, dixo, “estamos no proceso para estudar a magnitude do ocorrido e comezar as actuacións que son máis urxentes”. Así, os técnicos de Patrimonio da Consellería de Cultura e do Arcebispado xa fixeron unha primeira avaliación que, segundo adiantou Feijóo, permiten determinar tres medidas inmediatas. En primeiro lugar, asegurar a estabilidade da estrutura, e especialmente da bóveda. “Isto é o máis urxente, toda vez que os traballos que se realizarían a posteriori faríanse ou sobre a bóveda ou debaixo dela”, argumentou o presidente galego. En segundo lugar, proceder á retirada de entullos e dos elementos materiais inservibles; e, en terceiro lugar, “levar a cabo unha análise completa do nivel de danos e das actuacións que van ser necesarias para restaurar o santuario, paso previo necesario, explicou Feijóo, “para poder redactar o proxecto de rehabilitación da Virxe da Barca que se fará no prazo de tempo máis breve posible”, insistiu.

“Todas as administracións implicadas temos o compromiso de traballar de forma coordinada e de forma axeitada”, afirmou o presidente da Xunta, adiantando que, representantes do Arcebispado de Santiago, do Concello de Muxía, da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia “volveremos reunirnos nos primeiros días do próximo ano”.

Feijóo asegurou, ademais, que desde a Xunta se está a traballar para que, cando todas as partes teñan definido as medidas a incorporar no proxecto de rehabilitación, a tramitación administrativa non sexa, en ningún caso, un problema.

E unha vez que estea o proxecto construtivo, “temos que proceder á execución dos traballos de reparación e rehabilitación do templo; polo tanto –dixo Feijóo- temos unha vontade compartida de deseñar entre todos esas decisións coa máxima celeridade posible”.

O mandatario galego adiantou que, cos datos provisionais dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras de restauración do templo, no que se refire á súa configuración arquitectónica, oscilarán entre os 700.000 e os 850.000 euros.

“Somos conscientes de que o incendio ocorrido é unha desgraza irreparable, en boa medida, pero cómpre que miremos cara adiante para ver como traballamos xuntos e poñemos outra vez este santuario á disposición dos miles de persoas que se interesan por el”, concluíu.
 

27 de decembro de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.