publicidade hoxe

A Fundación Emaús percibe unha axuda de 60.000 euros para a inclusión social aos colectivos máis desfavorecidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Bravo Bosh na visita a Emaús

Bravo Bosh na visita a Emaús

A Consellería de Traballo e Benestar financiou este ano cun total de 60.000 euros á Fundación Social Emaús para axudarlle no seu labor, que se centra en mellorar as condicións de vida de aquelas persoas e colectividades que se atopan nunha situación de exclusión. En concreto, os membros desta entidade acompañan a estas persoas nos procesos de integración social e laboral, potenciando o maior grado de autonomía alcanzable.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitaron hoxe esta entidade na cidade olívica, para mostrar o apoio da Administración autonómica a este tipo de colectivos que, ademais, intentan sensibilizar á sociedade sobre as causas, implicacións e posibles solucións aos problemas de exclusión social.

González destacou que Emaús recibe financiamento da Consellería de Traballo e Benestar a través da inclusión social, que se renovou este ano chegando a un total de 105 entidades de iniciativa social de Galicia. Lembrou que esta convocatoria ampliou o seu orzamento en 370.000 euros, ata chegar aos 3,25 millóns de euros, o que supón un 13 por cento máis do que se destinaba a este fin en 2012. Esta convocatoria de axudas ten como obxectivo financiar e apoiar o desenvolvemento de programas e servizos por parte das entidades que traballan coas persoas que máis o necesitan.

A convocatoria deste ano foi distinta da de anos anteriores ao reforzarse e incluír novidades importantes. Unha das modificacións máis salientables foi a unificación das tres ordes que existían anteriormente (de comedores e albergues; de programas de inclusión para entidades; e de programas dirixidos ás persoas inmigrantes) nunha soa, dado que as entidades que optaban a estas tres convocatorias adoitaban ser as mesmas.

Ademais, incluíuse como requisito que a contía das axudas estivera directamente vinculada á cantidade de persoas que atende cada entidade. A máis persoas, maior é agora a axuda pública. A través desta orde, ademais, fináncianse os albergues, comedores e centros de acollida que contaron este ano cun orzamento de 1,25 millóns de euros. En materia de inclusión social, ademais, a Xunta está a destinar este ano 35,3 millóns á Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), un 50 por cento máis que o orzamento inicial de 2012. Trátase dun crédito ampliable, co fin de dar resposta a quen o precise. Así mesmo, o investimento en axudas de emerxencia social aumentou nun 50 por cento en 2013.

23 de decembro de 2013 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.