publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra destina 35.000 euros á Sociedade Deportiva Teucro para evitar a súa disolución

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Sociedade Deportiva Teucro poderá saldar a débeda que ten coa Axencia Tributaria e que vence o vindeiro 20 de decembro, grazas a unha achega de 35.000 euros que a Deputación de Pontevedra ingresará directamente á Axencia.

Así o comunicaron esta tarde en rolda de prensa as deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez e o presidente do Club, Carlos García-Alén Acosta, que incidiron en que, sen esta axuda, o Teucro estaría abocado á súa disolución.

A cantidade achegada pola Deputación –que se enmarca na liña de subvencións que a Administración Provincial concede ós clubs deportivos da provincia para o mantemento da súa actividade– irá, neste caso, directamente á Axencia Tributaria, pois o Teucro ten unha débeda de 62.000 euros que ten que aboar antes do 20 de decembro.

Ata o de agora non foi posible facer efectiva esta subvención, xa que a Lei de subvencións impide concedérllela a entidades que non estean ó día nos pagamentos á Seguridade Social, Facenda…

Por iso foi preciso realizar unha serie de trámites que culminaron coa cesión desta subvención por parte do Teucro á Axencia Tributaria, de forma que a Administración provincial lla ingresa directamente.

Situación extremadamente difícil

Tanto Ana Isabel Vázquez coma Begoña Estévez incidiron no esforzo da Deputación para salvar o Club e amosaron o seu apoio á nova directiva, que, en palabras da Estévez, “está a facer todo o posible por sanear as contas”.

Pola súa banda, o presidente do Teucro, García-Alén, resaltou que sen este apoio e o do Concello sería imposible facer fronte ós pagamentos que vencen agora e que ascende a un total de 62.000 euros, dos cales o Club terá que poñer 2.500 euros; o resto cubrirase coa achega das dúas administracións.

García-Alén fixo un chamamento ós patrocinadores e á cidadanía para conseguir toda a axuda precisa para solucionar a situación pola que levan loitando desde hai anos, que permitiu reducir a débeda de 2.500.000 euros iniciais a 1.200.000 euros na actualidade.

13 de decembro de 2013 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.