publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra concede 33.000 euros a Cruz Vermella para programas de respiro e animación hospitalaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O programa Respiro e Animación Hospitalaria ten unha contía de 18.000 €; iniciouse en 2006 e, desde entón, atendeu a preto de 4.000 menores. Desenvólvese na área de Pediatría do Hospital Provincial e o seu obxectivo é favorecer o desenvolvemento integral e as relacións persoais dos nenos que padecen enfermidades de media ou longa duración, así como do seu contorno.

O programa conta coa colaboración de voluntarios que, para desenvolver as súas funcións, dispoñen dunha aula habilitada para actividades de maxia, traballos manuais, animación á lectura ou reciclaxe. Foron 200 as actuacións nas habitacións (servizo de biblioteca, préstamo de xogos, xoguetes, apoio escolar), programadas para os nenos que, pola súa doenza, non se podían desprazar ata a aula da Ludovermella.

O programa prevé tamén accións de respiro familiar para apoiar as familias, acompañando os nenos cando as súas familias non o poden facer.

Algunhas das actividades de ocio e respiro consistiron en actividades de lectura e cómic; cine infantil; festas do Entroido e do Nadal; festa de Halloween; así como actividades medioambientais, de reciclaxe e coidado das plantas, entre outras.

Os destinatarios deste proxecto son os nenos e mozos, de entre 0 e 18 anos, que padecen enfermidades de media e longa duración, hospitalizados ou en situación de convalecencia domiciliaria.

Sen Violencia-Convivencia

Para o convenio Sen Violencia-Convivencia a Deputación de Pontevedra achega a Cruz Vermella 15.000 €. Este programa iniciouse no ano 2003 e, ata agora, tivo preto de 14.000 beneficiarios.

O programa traballa na prevención de condutas violentas entre os mozos, a través de obradoiros de sensibilización, información e adestramento en habilidades sociais. Tamén se desenvolven actividades para o profesorado, as familias e a poboación en xeral.

Os obxectivos son previr condutas violentas nos diferentes centros educativos; concienciar os mozos da necesidade de desenvolver actitudes positivas ante os conflitos; así como sensibilizar a poboación en temas relacionados coa violencia.

9 de decembro de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.