A Deputación de Pontevedra asina os convenios do Plan de práctica laboral que beneficiará a 500 bolseiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Louzán na adxudicación do II Plan de Práctica Laboral

Louzán na adxudicación do II Plan de Práctica Laboral

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, reuniuse esta tarde, xunto con Begoña Estévez e a xefa de persoal María Jesús Torres Peón, con representantes das empresas adxudicatarias do II Plan de práctica laboral para proceder á sinatura de contratos.

Rafael Louzán destacou o carácter innovador desta iniciativa  pioneira que cumpre unha dobre función: por unha banda, darlle unha primeira oportunidade a mozas e mozos titulados de obter experiencia laboral na profesión para a que se formaron e, en consecuencia, mellorar as súas posibilidades de inserción laboral e evitar a fuga de talentos; pola outra, ofrecerlle ás empresas a posibilidade de contar con persoal cualificado que ten moito que achegar e que pode contribuír de forma decidida a mellorar os seus resultados.

O presidente da Deputación confía ademais en que tanto as empresas coma os 500 bolseiros, que esta mañá xa tiveron a primeira toma de contacto coas entidades ás que se incorporarán o vindeiro martes ou xoves, aproveiten unha oportunidade a través da cal se enriquecerán mutuamente.

Por outra banda destacou que o obxectivo é que o que hoxe se asina como bolsas de práctica laboral se converta en contratos de traballo en 2015, “conseguindo que o que este país investiu en formar á súa xuventude reverta na nosa sociedade por medio da mellora da competitividade, da produtividade e da capacidade de xeración de riqueza, xa que non é xusto que nós formemos talentos e persoal cualificado e sexa outro país o que lle tire rendemento a ese investimento”.

Obrigas das empresas:

– Garantir que o bolseiro conte cun titor que o asesore, que colabore na súa formación e que supervise as tarefas que realiza, para que poida adquirir os coñecementos prácticos necesarios.

– Cumprir co programa formativo co que optaron ás bolsas, non encargándolle tarefas alleas ó contido das súas prácticas

– Contratar o bolseiro cando exista compromiso de inserción. De lle resultar totalmente imposible deberá xustificalo no prazo máximo de 3 meses desde que rematen as prácticas.

– Sufragar os gastos de desprazamento e estancia, no caso de que o bolseiro deba realizar algún traballo fóra do municipio no que se desenvolven as prácticas de forma habitual

– Darlles permiso ós bolseiros para a realización de exames de carácter oficial, permitirlles a asistencia a accións formativas relacionadas coa súa titulación e concederlles polo menos dous días hábiles libres ó mes, ademais do descanso semanal legalmente establecido.

30 de decembro de 2013 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.