A convocatoria de 2014 do Plan de práctica laboral da Deputación de Pontevedra abrirase a novas titulacións
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou hoxe que a segunda fase do Plan de práctica laboral no sector privado se realizará no primeiro trimestre de 2014, cunha convocatoria para a incorporación de novas empresas e outra para que poidan incorporarse ó Plan os mozos e as mozas de novas titulacións.
Os admitidos neste primeiro Plan que non conseguiron praza non terán que volver presentar a súa solicitude, pero abrirase a lista a novas incorporacións. Preténdese así responder á demanda de titulacións que presenten as novas empresas e darlle cabida ó maior número posible de mozos pontevedreses, que, malia contar cunha extraordinaria formación, nunca tiveron a ocasión de traballar na súa especialidade.
Así llelo comunicou o presidente da Deputación ós 174 titulados, de distintas especialidades, que hoxe elixiron empresa, no marco do II Plan de práctica laboral, e cos que se completan as 500 prazas ofertadas nesta primeira fase.
Louzán destacou que o éxito deste primeiro Plan de colaboración público-privada, que permitirá que o 30 de decembro entren a traballar en empresas de toda a provincia medio milleiro de pontevedreses altamente cualificados, animou a Deputación a poñer en marcha unha segunda fase, “porque o prioritario son as persoas”.
O presidente da Deputación incidiu en que “é unha satisfacción” poder darlles “esa primeira ocupación” a 500 persoas “que levades moito tempo nunha situación de desemprego, que nunca tivestes unha oportunidade laboral e que, grazas a esta iniciativa da Deputación, a ides ter”.
Por iso pediu a “implicación” dos bolseiros e as empresas para que “poidades estar nese posto de traballo todo o 2014 e que poidades continuar no 2015 e seguintes”.
34 últimas titulacións
Os 174 bolseiros que hoxe elixiron empresa pertencen a 34 novas titulacións; as prazas máis numerosas nesta xornada foron as das licenciaturas de Psicoloxía, Xornalismo, Enxeñería Industrial e Enxeñería Técnica Industrial en Mecánica, con 10 bolsas cada unha, seguidas de Publicidade e Relacións Públicas, con 9 prazas, e Enxeñería Informática, con 8 prazas.
Tamén elixiron empresa os titulados de Enxeñería Industrial en Electricidade; Grao en Nutrición Humana e Dietética; as licenciaturas en Ciencias Ambientais, Ciencias Biolóxicas, Ciencias do Mar, Comunicación Audiovisual, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Filoloxía Inglesa, Tradución e Interpretación, Socioloxía, Pedagoxía, Belas Artes, Ciencias Químicas, Psicopedagoxía, Veterinaria; os graos de Conservación e Restauración de Bens Culturais (Arqueoloxía), Xestión e Administración Pública, Deseño Téxtil e Moda; Enxeñería Técnica Forestal; a diplomatura en Empresas e Actividades Turísticas; Enxeñería Técnica Industrial en Instalacións e Construcións; a diplomatura en Turismo; Enxeñería Técnica Industrial en Electrónica; Enxeñería Técnica Agrícola; Enxeñería Técnica en Informática de Xestión; Enxeñería Técnica en Informática de Sistemas e Enxeñería Técnica Industrial en Electricidade.
A Administración provincial, que destina a este Plan 4 millóns de euros, cubrirá todos os custos salariais dos traballadores así como os cursos de prevención de riscos laborais e os correspondentes recoñecementos médicos.











