publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Comisión Galega de Protección Civil da luz verde ao PEE da empresa Cepsa en Maside

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaMaside
A-
A+
Comisión Galega de Protección Civil

Comisión Galega de Protección Civil

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a Comisión Galega de Protección Civil na que, entre outros asuntos, se deu o visto e prace ao Plan de Exterior de Emerxencia (PEE) da empresa CEPSA Maside, sita nesta localidade ourensá. Tralo informe favorable da Comisión, o Plan de Cepsa deberá ser aprobado polo Consello da Xunta. Así mesmo, homologáronse os plans de actuación municipais de Xove, Ribas de Sil (Lugo) e Maside (Ourense) perante distintos riscos que se poden producir nestas localidades.

O PEE de CEPSA ten por obxecto prever os procedementos de intervención no hipotético caso de que se produza un accidente industrial con risco químico nas instalacións desta empresa, dedicada ao almacenamento, enchido e trasfega de gases licuados do petróleo. Este PEE establece un protocolo de coordinación entre tódolos medios que intervirían ante un suposto accidente, así como un plan de información dirixido á poboación do contorno para que coñezan as medidas de seguridade e de autoprotección a adoptar se fora necesario. Precisamente na mesma reunión homologouse o Plan de Actuación Municipal de Maside, que está integrado dentro do Plan de Emerxencia Exterior.

Así mesmo a Comisión de Protección Civil homologou o plan de actuación de Xove, que establece o mecanismo de actuación para que o concello e a poboación cercana estean preparados ante o risco de inundacións pola potencial rotura da do depósito de lodos vermellos da empresa Alcoa. No que atinxe ao plan municipal de Ribas de Sil –tamén homologado- fai o propio no caso dunha hipotética rotura das presas de Bao, Montefurado e Sequeiros

Balance simulacros

A modo de balance, na reunión tamén se deu conta dos resultados do simulacro do Plan de Emerxencia Exterior do Polígono da Grela-Bens (na Coruña) realizado o pasado cinco de novembro. Este exercicio –que congregou a máis de 200 efectivos de emerxencias traballando conxuntamente- foi o primeiro deste tipo que se fixo en Galicia. O segundo simulacro destas características tivo lugar a semana pasada, cando se probou o PEE da factoría Syngenta Agro, entre O Porriño e Mos.

Cómpre lembrar que os Plans de Emerxencia Exterior enmárcanse dentro da aposta da Xunta pola prevención como a mellor ferramenta ante posibles emerxencias. Por iso, os PEE teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industrias e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

Uniformidade da Protección Civil

Por último, na reunión da Comisión galega de Protección Civil tamén se abordou o proxecto de Decreto polo que se homoxeneizará a vestimenta profesional (de faena e de gala) dos voluntarios de protección civil de Galicia, así como os seus distintivos e acreditacións e os rótulos dos vehículos e equipos que empreguen.

O documento analizado tamén establece unha imaxe corporativa única e homoxénea para todas as agrupacións de voluntarios que afectará aos carteis de sinalización interior e exterior das oficinas ou dependencias, á documentación que empreguen, aos distintivos externos, aos uniformes e aos vehículos. Esta imaxe corporativa única e homoxénea constituirá un símbolo identitario perante a cidadanía.

A uniformidade afectará directamente a 210 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a uns 4.000 voluntarios aproximadamente. A partires da entrada en vigor do Decreto, as Agrupacións disporán dun prazo de catro anos para adaptarse e incorporar os cambios establecidos.

Segundo se expuxo na Comisión, a necesidade deste Decreto está fundamentada, sobre todo, nos cambios dos métodos de intervención, das ferramentas de traballo e dos elementos de seguridade, polo que se precisa de vestimenta axeitada para as tarefas encomendadas.

A Comisión Galega de Protección Civil é o órgano de cooperación e coordinación das Administracións Públicas en Galicia en materia de Protección Civil, tal e como se establece na Lei de Emerxencias. Neste órgano están representantes da Administración autonómica, das Deputacións, dos concellos, de Cruz Vermella, dos bombeiros e de voluntarios de Protección Civil, entre outros.

20 de decembro de 2013 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.