A campaña posta en marcha polo CAAN incrementou as adopcións de animais no centro
En pouco máis dun mes de funcionamento a campaña de fomento das adopcións, impulsada pola Deputación e o Centro de Acollida de Animais Abandonados da Armenteira, está a dar uns excelentes resultados, pois logrouse que se produza un mínimo dunha adopción diaria.
Nos 42 días desde a posta en marcha da campaña –desde o 1 de novembro ata o 12 de decembro– foron adoptados preto de 50 animais; entre eles, os protagonistas da campaña, Baloo, Gold e Aura, que deron a súa imaxe para os carteis que se distribuíron por toda a provincia co lema Busco Dono. Non abandones, identifícao, adopta.
Dos animais que atoparon familia nestes días, 45 están xa no seu novo fogar (14 cachorros e 31 adultos), e catro están á espera de que se cumpra o prazo legal de 20 días desde a súa chegada ó Centro ata que se poida formalizar a adopción.
Entre os que están á espera de que se cumpra ese prazo legal está Ker, a cadeliña mestiza que se recupera dun envelenamento no Centro de Acollida da Armenteira.
Dos 45 animais coa adopción formalizada, seis foron atopados en Meis, cinco na Estrada, tres en Sanxenxo, outros tanto na Illa de Arousa, dous en Meaño, Marín, Silleda, Ribadumia e Gondomar.
160 animais adoptados
Desde a creación do Centro son xa 160 os animais adoptados, pero a colaboración e a concienciación social seguen a ser fundamentais porque aínda quedan 400 animais que precisan unha familia e, sobre todo, porque o abandono dos animais é demasiado frecuente.
Os datos son elocuentes: nos oito meses de funcionamento o Centro de Acollida realizou máis de 1.500 intervencións nos 48 concellos adheridos.
Actuación nos centros escolares
A Deputación de Pontevedra e o Centro de Acollida de Animais Abandonados puxeron xa en marcha a segunda fase da campaña, orientada neste caso ós máis pequenos, que consiste na impartición de unidades didácticas nos centros de Infantil e Primaria.
Un grupo de persoas que traballan en centros de acollida ou protectoras de animais acudirán ós centros interesados en participar neste programa para sensibilizar os máis pequenos en contra do abandono dos animais e sobre a necesidade de respectalos e coidalos.
Polo de agora enviouse a invitación para participar na campaña ós colexios de Infantil e Primaria de Pontevedra, Lalín e Meis, e xa amosaron o seu interese en participar o CEIP Álvarez Limeses e San Benito de Lérez, de Pontevedra; o CEIP da Armenteira, en Meis; e o CEIP Varela Buxán, de Lalín.
Pouco a pouco a campaña ampliarase a outros puntos da provincia co obxectivo de promover unha actitude responsable cos animais desde a infancia.
Esta campaña completa o labor que se está a facer desde o CAAN, que tamén ten en marcha unha web que, en tres meses de funcionamento, recibiu máis de 6.000 visitas. Nesa páxina, ademais de ver os animais do Centro, pódense facer todos os trámites relativos ás adopcións, totalmente gratuítos.
Ademais, desde a posta en marcha da campaña de fomento da adopción e contra o maltrato, rexistrouse un considerable aumento das visitas ó Centro así como das chamadas para interesarse polo seu funcionamento.