A Asociación Xuntos-Down de Pontevedra conmemora o Día internacional das persoas con discapacidade

Cores Tourís na visita a Asociación Xuntos-Down Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as instalacións que a asociación Xuntos-Síndrome de Down ten na cidade de Pontevedra co galo da celebración hoxe do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
O delegado territorial estivo acompañado, nesta visita, pola xefa territorial de Traballo e Benestar, María Peón, así como polo presidente da asociación Manuel Pérez, e a xerente, Paula Biqueira.
Cores Tourís recordou que este día ten como obxectivo dar a coñecer os distintos aspectos das discapacidades e concitar o apoio á dignidade, os dereitos e o benestar das persoas. “Estas son as razóns polas que hoxe visitamos Xuntos, porque é moi importante sensibilizar á poboación sobre as vantaxes que poden derivarse da integración das persoas con discapacidade en todas as facetas da vida”, asegurou o delegado territorial, quen, deste xeito, destacou a labor que desenvolve esta asociación sen ánimo de lucro na área norte da provincia de Pontevedra dende o seu nacemento en 1991. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e conseguir a súa inclusión en tódolos ámbitos sociais (o familiar, o laboral, o escolar…).
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que, nestes intres, na provincia de Pontevedra existen 81.663 persoas con discapacidade, xa sexa por cuestións físicas, sensoriais ou psíquicas. En Galicia, a cifra elévase ata 224.127 persoas. “Estes números falan da importante labor que desenvolven as entidades sen ánimo de lucro na loita pola normalización e inclusión destes colectivos, unha labor na que todos deberíamos implicarnos”, explicou Cores Tourís.
Deste xeito, o delegado territorial quixo coñecer a labor de Xuntos-Down Pontevedra. “Apostamos pola igualdade, nunha sociedade aberta e plural, libre de prexuízos cara a discapacidade, que se sinte enriquecida coa diversidade e coa participación activa das persoas con síndrome de Down e outras discapacidade intelectuais”, explicou o presidente da asociación, Manuel Pérez, quen engadiu que “dende Xuntos traballamos para dar unha actitude social positiva cara ás persoas con discapacidade”.
“Non hai dúas persoas iguais”, engadiu Pérez, “cada unha é única e as persoas con síndrome de Down son moi diferentes entre sí, por suposto. Cada unha posúe unhas potencialidades de desenvolvemento, unhas habilidades sociais, de autonomía distintas, por eso a nosa misión e apoialas e traballar con eles para desenvolvelas, tendo en conta que este proceso será algo máis lento e longo, pero que, con apoio, a persoa con síndrome de down chega a adquirir uns avances considerables”.
Nestes intres, Xuntos puxo en marcha, dentro do SEPAP (Servizo de Promoción da Autonomía Persoal) cinco liñas de traballo diferenciadas: área de atención temperá, que é un servizo de apoio para nenos entre 0 e 6 anos; área de educación, dirixida a unha mellor inclusión nos centros educativos; área de formación e emprego, para potenciar as capacidades dos usuarios e favorecer a súa empregabilidade; área de vida adulta e independiente e programa de familias e sensibilización.
Colaboración da administración autonómica
Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís recordou que a Consellería de Traballo e Benestar acaba de resolver as axudas dos plans de cooperación para entidades de iniciativa social que recibirán, na provincia de Ponteveda, 1,7 millóns de euros para a contratación de 109 persoas sen emprego de 57 entidades.
“En relación a estas axudas, Xuntos-Down Pontevedra recibirá 53.000 euros de cara á contratación de tres traballadores”, explicou o delegado territorial, quen matizou que se trata dunha “importante medida” de apoio para a empregabilidade. A maiores, a asociación pontevedresa tamén recibiu este ano 17.470 euros dende a Consellería de Traballo e Benestar destinadas a prestacións así como 1.298,44 euros para a posta en marcha de actividades de voluntariado.
“Tamén cabe destacar”, engadiu Cores Tourís, “os preto de 13.000 euros que destinará a Consellería á Xuntos dentro do programa integrado de emprego que permitirá que 11 persoas con discapacidade teñan unha oportunidade de acadar a inserción laboral, cunha especial orientación cara o sector agrónomo e de servizos”. Esta actuación, en concreto, dará comezo nos próximos días, xa que agora mesmo atópase no proceso de selección dos participantes.
José Manuel Cores Tourís concluíu incidindo en que o Goberno galego seguirá a traballar para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade como ferramenta clave de inclusión social. Neste senso, destacou que os orzamentos de 2014 reforzan as partidas destinadas ao emprego e á discapacidade que ascenderán a 17,4 millóns de euros, un 8 por cento máis que este ano. “Unha das nosas prioridades é a loita pola igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade”, rematou.











