176 titulados asinaron a bolsa de prácticas en empresas no marco do Plan de emprego da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

326 mozos titulados universitarios e de ciclos medios ou superiores dispoñen xa dun posto de traballo en empresas da provincia de Pontevedra, cunha bolsa de práctica laboral da Deputación de Pontevedra.

Despois das 150 bolsas adxudicadas a semana pasada, hoxe foron 176 titulados, doutras 35 especialidades, os que tiveron a ocasión de elixir, por orde de puntuación, a empresa na que realizarán as súas prácticas laborais durante un ano.

A eles seguiralles mañá un terceiro grupo, co obxectivo de que antes de que remate o ano estean traballando os preto de 500 titulados ós que a Deputación de Pontevedra lles pretende facilitar a súa inserción laboral por medio de convenios con outras tantas empresas da provincia.

A Administración provincial, que destina a este Plan 4 millóns de euros, cubrirá todos os custos salariais dos traballadores, así como os cursos de prevención de riscos laborais e os correspondentes recoñecementos médicos.

Así mesmo, o presidente da Deputación confirmou que a comezos de 2014 se porá en marcha unha nova fase do programa, con outras 500 bolsas, co obxectivo de contribuír a que non se produza unha fuga de talento cara ó exterior, de forma que os mozos e as mozas que se formaron na provincia poidan traballar en empresas da súa terra.

Persoal cualificado para as confrarías

Entre as empresas que hoxe accederon a persoal cualificado, no marco do Plan da Deputación, figuran 13 confrarías da provincia (A Guarda, Aldán, Arcade, Cambados, Moaña, Portonovo, Sanxenxo, Vigo, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Baiona, Raxó e Pontevedra), que disporán de titulados en Administración e Finanzas e en Xestión Comercial e Marketing. Os restantes pósitos da provincia incluiranse na terceira quenda, que terá lugar mañá.

Deste xeito, cúmprese o compromiso do presidente da Deputación, Rafael Louzán, de dotar as confrarías da provincia de persoal cualificado, que contribúa a mellorar a súa xestión e a comercialización dos produtos do mar.

Por comarcas

Dos 176 bolseiros que hoxe elixiron empresa 44 traballarán en empresas da comarca de Pontevedra: 32 traballarán noutras tantas empresas da cidade, 9 en sete empresas de Poio (EBAM e Pepe Vieira disporán de 2 bolseiros cada unha) e 1 en Campo Lameiro, Ponte Caldelas e Cotobade.

Outros 43 traballarán en empresas de Vigo, 5 no Val Miñor, 3 en tres empresas do Baixo Miño –entre elas a confraría da Guarda–, 2 noutras tantas empresas de Pazos de Borbén, 2 en Salvaterra de Miño e 1 na Cañiza, Mondariz, Redondela e Ponteareas.

A comarca do Salnés recibirá hoxe 30 traballadores para outras tantas empresas, mentres que na comarca de Caldas haberá 2 no concello do mesmo nome e 1 en Portas.

Outros 19 bolseiros elixiron empresas das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, mentres que as empresas do Morrazo serán o destino doutros 9 bolseiros.

Destaca tamén o número de titulados que farán as súas prácticas laborais nos dous concellos da Louriña, cun total de 11 empresas beneficiarias, 8 delas no Porriño e 3 en Mos.

Por titulacións

Das 35 titulacións a máis demandada foi o Ciclo superior de Administración e Finanzas, cun total de 55 titulados, que traballarán, entre outras, en 15 empresas da comarca de Pontevedra, 6 de Vigo, 9 do Salnés, 7 de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, así como nas confrarías da Guarda, Aldán, Arcade, Cambados, Moaña, Portonovo, Sanxenxo, Vigo e Vilanova de Arousa.

O segundo grupo en número de bolseiros, nesta segunda quenda, foi o Ciclo superior de Xestión Comercial e Marketing, con 15 bolseiros, dous deles tamén para as confrarías de pescadores, neste caso para a de Baiona e A Illa de Arousa.

Relacións Laborais e Traballo Social foron outras das titulacións con máis bolseiros seleccionados hoxe, con 11 e 7 persoas respectivamente; mentres que a rama de Dereito sumou 11 titulados, entre Dereito propiamente dito e Dereito Económico.

As titulacións relacionadas coa saúde sumaron 21 titulados, con 7 bolseiros de Fisioterapia, outros tantos de Farmacia, 2 de Enfermería, 2 Logopedia, 2 de Óptica e Optometría e 1 de Odontoloxía.

Tamén elixiron empresa os bolseiros do Ciclo medio de Obras de Interior, Decoración e Interiorismo; os ciclos superiores de Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos, Comercio Internacional, Dirección de Cociña, Dirección de Servizos de Restauración, Guía, Información e Asistencia Turísticas, Marketing e Publicidade, Secretariado, Vitivinicultura, Xestión de Aloxamentos Turísticos e Xestión Forestal e Medio Natural; as diplomaturas de Ciencias empresariais, Educación Social, Maxisterio de Educación Especial, Educación Física, Educación Infantil, Educación Primaria, Terapia Ocupacional, Enxeñería Agrónoma, Enxeñería de Montes; e as licenciaturas de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e de Ciencias Económicas.

A elección da empresa realizouse por especialidade, atendendo á puntuación de cada un dos bolseiros, de forma que os que maior puntuación obtiveron no proceso de selección –fundamentalmente segundo o seu expediente– foron os primeiros en elixir a empresa.

Unha vez elixida a empresa, os seleccionados asinaron os respectivos contratos, que lles van permitir traballar durante todo 2014 na profesión para a cal se formaron.

19 de decembro de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.