publicidade hoxe

150 titulados incorpóranse coas bolsas da Deputación de Pontevedra ás empresas da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Un total de 150 mozos titulados universitarios e de ciclos medios ou superiores incorpórase a partir de hoxe a outras tantas empresas da provincia de Pontevedra, cunha bolsa da Deputación que cubrirá os custos salariais íntegros de cada un deles.

Nun acto público, que tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Pazo provincial, no que participou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, os mozos tiveron a ocasión de elixir a empresa na que van realizar as súas prácticas laborais durante un período inicial de seis meses, que se prorrogará por outros seis.

Trátase da primeira quenda dos 500 titulados que comezarán a traballar antes de que remate este ano, no marco do Plan de práctica laboral que a Administración provincial puxo en marcha, cun orzamento de 4 millóns de euros, que ten como obxectivo contribuír á inserción laboral dun colectivo especialmente castigado polo desemprego, o da xuventude.

Nesta primeira quenda foron seleccionados, elixiron a empresa e asinaron o correspondente contrato de práctica laboral os titulados de 27 especialidades. Nos vindeiros días, ata o 30 de decembro, irán incorporándose ós seus postos os restantes titulados, ata un total de 500 mozos e mozas de 103 titulacións, que traballarán en preto de medio milleiro de empresas da provincia de Pontevedra.

A elección da empresa realizouse por especialidade, atendendo á puntuación de cada un dos bolseiros, de forma que os que maior puntuación obtiveron no proceso de selección –baseándose fundamentalmente no seu expediente– foron os primeiros en elixir a empresa.

O grupo máis numeroso foi o de licenciados en Administración e Dirección de Empresas, xa que se outorgaron 69 prazas para outras tantas empresas.

Tamén se adxudicaron as bolsas de Arquitectura e Arquitectura Técnica; Educación Infantil; Sistemas Informáticos en Rede; Automoción e Integración Social; Hixiene Bucodental; Laboratorio de Análise e Control de Calidade; Laboratorio de Diagnóstico Clínico; Proxectos de Obra Civil; Instalacións Frigoríficas e de Climatización; Construcións Metálicas; Desenvolvemento de Proxectos Urbanísticos e Operacións Topográficas; Coidados Auxiliares de Enfermería; Animación Sociocultural; Condución de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural; Programación da Produción en Fabricación Mecánica; Mecatrónica Industrial; Mantemento Electrónico; Atención a Persoas en Situación de Dependencia; Enxeñería Técnica en Deseño Industrial; Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma; Desenvolvemento de Aplicacións Web; Proxectos de Edificación; Electromecánica de Vehículos Automóbiles e Telecomunicacións.

Unha vez elixida a empresa, os seleccionados asinaron os respectivos contratos, que, tal e como sinalou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, lles van permitir traballar durante todo 2014 na profesión para a cal se formaron.

Fixar o talento na provincia

Louzán fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa “novidosa, moi interesante” e que “é o camiño polo que deben apostar outras administracións, para garantir que ese talento que se formou en Galicia, que se formou en Pontevedra, se quede tamén aquí, na súa terra”.

O titular da Administración provincial amosou a súa confianza en que moitas das persoas que obtiveron hoxe unha bolsa da Deputación poidan continuar traballando nas empresas de Pontevedra. Incidiu en que a duración da bolsa, dun ano en total, “é o tempo necesario” para xerar a dinámica adecuada entre o bolseiro e a empresa, confiando en que “estes poidan continuar nesa empresa” cun contrato de traballo.

A intención da Deputación é ampliar este Plan a comezos de 2014, tal e como está previsto nos orzamentos do vindeiro exercicio, co obxectivo de darlle a súa primeira oportunidade laboral ó maior número posible dos 2.462 pontevedreses menores de 35 anos que solicitaron participar neste Plan.

4.000 empregos nun ano

Este é o II Plan de práctica laboral que se activa neste ano, orientado ós mozos titulados, pois ó longo do ano foron xa outros 500 pontevedreses os que tiveron a ocasión de traballar, neste caso nos concellos e nos centros da Deputación provincial.

A el súmanse os distintos plans de emprego para dotar de operarios os concellos, as bolsas de turismo e outras iniciativas de xeración de postos de traballo cos que a Deputación logrou que uns 4.000 pontevedreses tivesen unha nómina este ano, cun investimento total de 20 millóns de euros.

Neste sentido, Rafael Louzán incidiu en que isto é o prioritario para a Deputación, que “decidiu apostar claramente polas persoas, por darlles oportunidades ás persoas en lugar de poñer en marcha outras actividades, como podía ser facer outras infraestruturas na Deputación”.

DETALLES DO PLAN

Solicitantes

Presentáronse un total de 2.462 mozos e inicialmente convocáronse 424 prazas en 379 empresas.

Non obstante, co obxectivo de darlle cobertura ó maior número posible de titulados, fíxose unha segunda convocatoria para que se sumasen máis empresas ó Plan, ata chegar a preto de 500.

En consecuencia, tamén o número de beneficiarios das bolsas aumentou ata 500, e está previsto que en 2014 se convoquen outras 500 prazas.

Titulacións desertas

Quedaron desertas por falta de candidatos: o Ciclo superior de Animación en 3D, Xogos e Contornos Interactivos; as enxeñerías en Telecomunicacións de Electrónica e en Telecomunicacións de Telemática; e a Licenciatura en Enoloxía, que contaban cunha oferta en cada unha e para as que non se presentaron candidatos.

Pola súa banda, os candidatos titulados dos ciclos superiores de Produción en Industrias Gráficas; Interpretación de Lingua de Signos; Construcións Metálicas; Dirección de Servizos de Restauración; Licenciatura en Farmacia; e Ciclo medio de Agroecoloxía teñen garantida a súa colocación, pois houbo tantas solicitudes coma prazas ofertadas.

Perfil dos bolseiros

As bolsas van dirixidas ós mozos titulados universitarios, de ciclos medios ou superiores, de menos de 35 anos, que non teñan experiencia laboral previa na profesión para a cal se formaron.

Contido da bolsa

A Deputación de Pontevedra correrá con todos os custos salariais dos bolseiros, así como cos gastos dos preceptivos recoñecementos médicos e dos cursos de formación en prevención de riscos laborais.

12 de decembro de 2013 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.