Un proxecto provincial impulsa o cambio de caldeiras de gasóleo dos concellos pontevedreses por as de biomasa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Reducir esta factura enerxética e rebaixar as emisións de CO2 á atmosfera son obxectivos que persegue a Deputación de Pontevedra co proxecto de eficiencia enerxética que ten en marcha e que pretende levar a cabo da man dos concellos da provincia.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que subliñou que o vindeiro 28 de novembro manterá un encontro cos alcaldes para presentarlles un estudo, realizado pola Administración provincial, que reflicte que a substitución das actuais caldeiras de gasóleo por outras de biomasa (pélet, estela ou similares) representaría un aforro duns 500.000 euros ó ano.

Segundo os datos manexados pola Deputación o aforro medio anual dunha caldeira de biomasa con respecto a unha de gasóleo é de 9.000 euros por caldeira, co cal nuns tres anos estaría amortizado o investimento inicial.

Rafael Louzán incidiu en que se pode acadar un aforro económico e ambiental notable, polo que xa hai concellos que amosaron o seu interese en sumarse a esta iniciativa para substituír as caldeiras nos seus municipios.

A Deputación provincial deu xa ese paso no Centro Príncipe Felipe, onde se retirou a caldeira de gasóleo para instalar unha de biomasa, que funciona con estela. O presidente da Deputación visitará o Centro o vindeiro luns para comprobar in situ o seu funcionamento e o aforro que representa.

22 de novembro de 2013 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.