publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sanidade explica as achegas dos usuarios na prestación farmacéutica aos alcaldes de Riotorto e San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLugoRiotortoSan Sadurniño
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, mantivo unha xuntanza co alcalde de Riotorto, Federico Xosé Gutiérrez Estoa, co alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e coa secretaria autonómica da CIG, Mª Xosé Abuín Álvarez. Nela explicoulles que a intención das medidas recollidas no Real Decreto 16/2012 é equiparar as achegas dos medicamentos con indicacións equivalentes independentemente do lugar onde estes sexan dispensados.

A conselleira destacou que Galicia cumpre a lei, que garante a equidade desta prestación en todas as CCAA. Neste sentido, hai un grupo de presentacións de medicamentos que son de achega reducida establecida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para pacientes con patoloxías crónicas. Esta fíxase no 10% sobre o prezo de venda ao público, cunha achega máxima de 4,20 euros por envase con independencia de se o paciente é activo ou pensionista, equiparando a todas as comunidades autónomas neste sentido.

Segundo lembrou, os medicamentos dispensados no hospital aos usuarios para a administración no seu domicilio forman parte da prestación farmacéutica, do mesmo xeito que os que se lle dispensan na oficina de farmacia.

Tamén explicou que actualmente trabállase nos sistemas informáticos, de xeito que se poida adecuar a prestación ás características da poboación galega e non teñan que adiantar cartos. Neste eido, os topes mensuais de achega pola prestación farmacéutica son únicos, o que significa que, por exemplo, os usuarios incluídos no grupo con tope de 8,14 euros non terán que achegar máis cartos unha vez alcanzada esa cifra, sumadas as achegas feitas tanto na farmacia hospitalaria coma nas oficinas de farmacia.

Ademais, os usuarios actualmente exentos de achega polos medicamentos dispensados na oficina de farmacia -máis de 100.000 en Galicia- estarán igualmente exentos de aportar na dispensación de medicamentos na farmacia do hospital.

Mosquera explicou tamén aos rexedores municipais que os pacientes hospitalizados non pagan polos medicamentos que reciben durante a súa estancia hospitalaria e os pacientes tampouco pagan polos medicamentos que reciben no hospital de día.

Por último, indicoulles que xa existían no mercado máis de 6.100 presentacións de fármacos de achega reducida que se dispensan nas oficinas de farmacia. A resolución do pasado 9 de setembro incorporou outras 157 presentacións que se dispensan na farmacia do hospital á listaxe de medicamentos de achega reducida.

19 de novembro de 2013 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.