O proxecto “El árbol es vida” permitirá a reforestación de 4000 hectáreas na provincia pontevedresa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra implicarase na reforestación de 4000 hectáreas de terreo na provincia de Pontevedra, no marco do proxecto “El árbol es vida” da Fundación Española de la Madera.

Esta iniciativa, declarada “acontecemento de excepcional interese público”, busca plantar 10 millóns de árbores en toda España; calcúlase que xerará máis de 1000 empregos directos.

Segundo subliñou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a Administración provincial decidiu sumarse a este proxecto (cuxo convenio asinará o vindeiro venres, día 29) polo compromiso ambiental e porque representa unha oportunidade para poñer en valor o potencial forestal da provincia, así como “pola capacidade do proxecto de xerar emprego local”.

Para poder reforestar esas 4000 hectáreas de terreo a Deputación non só buscará doantes e patrocinadores entre as empresas da provincia senón que negociará cos propietarios forestais a cesión de terreos, redactará os proxectos de plantación e contratará os traballos necesarios.

Para a contratación dos labores de plantación terán preferencia as empresas de inserción social, as persoas en risco de exclusión social e as empresas locais, xa que, tal e como subliñou Louzán, “tamén se trata de favorecer a xeración de emprego na provincia”.

Aposta polo sector forestal

O presidente da Deputación amosouse convencido de que haberá empresas interesadas en patrocinar o proxecto e en realizar doazóns, xa que o 90% do importe doado poderano deducir do Imposto de Sociedades, e disporán de 10 anos para realizar esta desgravación.

Louzán incidiu en que, por medio desta iniciativa, “podemos conseguir poñer en valor moitas hectáreas de monte en estado de abandono e dar un novo pulo a esta provincia como polo forestal”.

Lembrou que “Pontevedra é unha provincia forestal por excelencia”, que conta con “todos os recursos necesarios para sacarlles un gran rendemento económico, social e ambiental ós nosos montes”, pero na que aínda falta “esa concienciación xeral das nosas potencialidades e a implicación no desenvolvemento dunha estratexia para a explotación ordenada e sostible dos nosos montes”.

A xuízo do presidente da Deputación “este proxecto pode ser tamén unha vía para visibilizar ese potencial e facernos conscientes do que temos e do que estamos a perder por non saber aproveitalo”.

22 de novembro de 2013 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.