O obradoiro de recuperación do patrimonio no Museo de Pontevedra contará cun novo traballador nos vindeiros días
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou esta mañá o obradoiro de restauración do Museo de Pontevedra, acompañado pola deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o director do Centro, Carlos Valle.
Durante a visita Louzán destacou o “valiosísimo labor” de recuperación do patrimonio cultural que se realiza neste obradoiro, que cualificou de “fundamental” para un Museo da categoría do de Pontevedra.
O presidente da Deputación incidiu no “labor minucioso” que todos e cada un dos traballadores e bolseiros do obradoiro de restauración realizan, con pezas de enorme valor cultural e patrimonial, algo que “require dunha sensibilidade especial”.
Nesta liña, loou o “capital humano extraordinario” do que dispón o Museo, que permite a “recuperación de obras que chegan aquí nun estado nada desexable”.
Sete traballadores
O obradoiro, que conta con sete traballadores e que nos próximos días terá unha nova incorporación, rexistrou unha “grande evolución” nos últimos anos. Así o puxo de manifesto unha das traballadoras do Centro, Sonia Briones, que, con 22 anos de traballo dedicados a este obradoiro, asegurou que nestes momentos “temos uns obradoiros espectaculares”, dotados dos medios humanos e técnicos máis modernos.
Entre eles figura unha cámara de anoxia destinada á desinsectación das obras de arte, que facilita a conservación das coleccións do Museo. Neste sentido, Sonia Briones incidiu en que esta máquina é de grande importancia para un Centro “onde moitos bens son de material orgánico” e que se atopa nunha comunidade na que “son moi frecuentes os ataques biolóxicos”. A dita cámara elimina calquera insecto das pezas tratadas por un método que consiste na substitución do osíxeno por nitróxeno.
Outra das consecuencias da evolución do obradoiro é a especialización dos seus traballadores, de forma que na actualidade conta cun especialista en pintura, un en escultura pétrea e outro en madeira.
Ademais das pezas propias do Museo, nas que se centra o labor do obradoiro, tamén se tratan a miúdo as que os particulares ceden para as exposicións temporais.
Entre os traballos de restauración que se están a realizar figuran o de varias pezas destinadas a unha exposición temporal de xoias, que está a preparar o propio Museo, e o dunha táboa do antigo retablo de Santa María. Trátase da última táboa que queda por restaurar das cinco que compoñen o retablo e que representan outras tantas escenas da vida da Virxe. As catro restantes están nestes momentos en exposición.
Almacenamento
O presidente da Deputación visitou tamén o almacén das obras non expostas. O director do Centro explicou que neste almacén as obras teñen “exactamente as mesmas condicións –temperatura, humidade…– que nos atopamos en calquera das salas de exposición permanente”.
Carlos Valle subliñou que o Museo de Pontevedra ten “milleiros” de obras pois existen máis de 18.000 rexistros, pero cada un deses números de rexistro pode incluír miles de pezas. Como exemplo referiuse a “Castelao, as cruces de pedra, que teñen só un número de rexistro pero máis de 500 debuxos orixinais”.
Valle recalcou a relevancia do Museo de Pontevedra, o museo provincial máis grande de España.











