Nos últimos tres anos incrementouse a recadación do IBI en 13 millóns de euros nos concellos adheridos ao ORAL
Nos últimos tres anos a recadación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de natureza urbana en período voluntario incrementouse en preto de 13 millóns de euros nos 51 concellos que teñen delegado no ORAL o cobro do IBI en voluntaria.
Se no ano 2011 foron 35.369.146,93 euros os recadados polo Servizo de Xestión Tributaria da Deputación nestes concellos, en 2012 a cifra subiu ata os 42.310.601,55 euros, e en 2013 ascendeu ata os 48.0530617,11 euros. Isto representa unha diferenza de 12.684.470,18 euros máis neste ano que en 2011.
Este incremento na recadación mellora a situación financeira de moitos concellos, permitíndolles maiores ingresos cos que financiar os servizos e investimentos; considérase, ademais, un dato favorable desde o Servizo de Xestión Tributaria, tendo en conta a situación de crise económica actual.
Cómpre subliñar que a cantidade recadada non só se incrementou como consecuencia do aumento dos tipos de gravame sobre o IBI senón polo incremento na porcentaxe de cobro en voluntaria, que acadou o 86,48% este ano, case un 2% máis que en 2012.











