Mil mozos xa están inscritos para acceder ás bolsas do Plan Práctica Laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Mil mozos titulados están xa inscritos para acceder ás bolsas do Plan de práctica laboral en empresas posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Os bolseiros teñen de prazo ata o 12 de novembro para presentar as súas solicitudes e acceder a unha das 424 bolsas convocadas, que lles darán acceso a un ano de traballo nunha das 379 empresas que participan no programa.

A Administración provincial, tal e como o anunciou esta mañá o seu presidente, Rafael Louzán, non só cubrirá todos os custos laborais dos bolseiros senón que sufragará os gastos dos recoñecementos médicos e dos cursos de formación en prevención de riscos laborais que deben realizar.

A necesidade de cubrir estes gastos púxose sobre a mesa na xuntanza que onte mantivo Rafael Louzán cos responsables das empresas participantes. Neste encontro o titular da Deputación pediu a “confianza” dos empresarios nesta Administración á hora de adecuar o perfil dos bolseiros ás necesidades da empresa.

Nesta liña, o presidente da Deputación amosouse convencido de que se cubrirán con éxito todas as prazas (malia que hai casos coma o dos técnicos informáticos; solicitáronse oito bolseiros con este perfil e só hai un inscrito nas oficinas de emprego da provincia) e que o programa rematará coa contratación laboral dos bolseiros.

Na xuntanza tamén se lles explicou ás empresas que, no caso de que o bolseiro renuncie á praza, o posto será cuberto polo seguinte aspirante a ese mesmo posto que quedase na lista de espera, mentres que se é a empresa a que renuncia ó bolseiro este poderá recolocarse noutra se hai un posto que se adapte ó seu perfil.

No tocante á posibilidade de que algún posto quede sen cubrir por falta de candidatos co perfil demandado, a empresa afectada poderá elixir outro perfil, sempre e cando se corresponda cunha das titulacións para as que se convocaron as prazas.

8 de novembro de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.