Listo o convenio para un servizo provincial de recollida do lixo nos concellos
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, analizou hoxe, cos membros dos tres grupos provinciais que integran o comité creado para a posta en marcha dun servizo provincial de recollida do lixo, a situación actual de tramitación do servizo e as liñas que se pretenden seguir para avanzar neste proxecto.
Rafael Louzán subliñou a “vontade de consenso” e incidiu en que se trata de conseguir “un servizo máis eficiente, máis racional”, que avance nunha premisa que considerou “fundamental”, “separar máis e mellor para que os custos ambientais e económicos sexan moito menores para os concellos e cidadáns”.
En canto á situación actual de tramitación os concellos teñen xa sobre a mesa o convenio marco de adhesión, co obxecto de que todos os que estean interesados poidan ir xa sumándose ó servizo.
Máis de 20 concellos
No transcurso da xuntanza manifestouse que nestes momentos son máis de vinte os concellos que mostraron a súa intención de incorporarse ó servizo e cos que, malia que o custo final do servizo pode variar en función do número de concellos integrados no sistema, se está estudando cal sería o custo e a súa repercusión nas taxas de cada Concello.
Así mesmo, na reunión puxéronse sobre a mesa todas as alternativas analizadas nestes meses co obxectivo de conseguir o mellor servizo posible na provincia e de dar resposta ás distintas propostas que foron xurdindo ó longo das xuntanzas previas do grupo de traballo.
Entre os modelos de xestión e de tratamento do lixo que se valoraron polos técnicos está o do sistema húmido/seco, implantado na mancomunidade de Barbanza, pero que hai que descartar para o novo servizo porque vai contra o Plan de Xestión de Residuos de Galicia, que non contempla a súa ampliación a lugares onde non estea implantado agora.
Polo tanto, nun futuro habería que implantar un quinto contedor para a recollida separada da fracción orgánica, algo que xa contempla o regulamento do servizo.
Planta do Morrazo
Outra das cuestións que se formulou foi a posibilidade de poñer en valor a planta do Morrazo, actualmente moi infrautilizada, xa que foi concibida para o tratamento de todo o lixo orixinado na mancomunidade mediante a separación dos residuos susceptibles de ser valorizables e a elaboración de compost da fracción orgánica, separada en orixe, pero nela nunca se chegou a poñer en marcha este modelo de xestión.
Úsase unicamente para o transvasamento dos residuos recollidos cara a outros destinos, sen tratamento previo (excepto os residuos de xardín e/ou madeira, que son triturados antes da súa transferencia).
Segundo o estudo realizado polos técnicos, presentado hoxe, sería preciso ampliar a planta en 30.000 m2 para que se puidesen realizar nela os procesos de separación da bolsa amarela, a compostaxe de residuos, o tratamento de lamas e a xestión de residuos hospitalarios.
Compostaxe
Tamén se avanzou nestes meses de tramitación nunha das propostas presentadas nas reunións previas, a de incluír a compostaxe no servizo provincial. Neste sentido, está xa perfilado o concurso para adxudicar o proxecto piloto de compostaxe, que permitirá subministrar 1.300 composteiros nos concellos que se adhiran ó servizo intermunicipal.
Este proxecto representaría un custo estimado de 140.000 euros, e só se está á espera de pechar o número de concellos adheridos para poñelo en marcha.
Ademais, estase en contacto con distintas empresas para tratar a construción e xestión dunha futura planta de compostaxe na provincia de Pontevedra, pero sempre tendo en conta que o Plan de Xestión de Residuos de Galicia 2010-2020 xa ten prevista unha na zona sur de Galicia.
Novo sistema de tratamento
Tamén está en estudo un novo sistema de tratamento mecánico-térmico. Este proceso tecnolóxico, aínda en fase de desenvolvemento, consistiría no seguinte: os residuos recollidos nos municipios chegarían a unha instalación de tratamento onde serían descargados nunha praia de descarga, despois pasarían por un imán para extraer todos os materiais férricos existentes e logo serían triturados para diminuír o seu tamaño e favorecer o proceso seguinte; estes residuos serían introducidos no autoclave ou “pota de presión” para obter, finalmente, un produto estable e esterilizado.
Obteríanse deste tratamento todos os materiais posibles para a súa valorización: fibra orgánica, PET, HDPE, metais non férricos, inertes; combustible derivado do residuo, que se valorizaría enerxeticamente; e un resto non valorizable que iría a un depósito controlado ou calquera outro tratamento final.
Servizo máis económico a medio prazo
O presidente da Deputación destacou a vontade de consenso demostrada na xuntanza e incidiu en que o que busca a Deputación é “intentar e, espero poder logralo, facer as cousas da forma máis sensata e razoable posible”.
Así, tras subliñar que se trata dunha actuación que “está na liña do que agora se necesita, que se agrupen servizos e se fagan máis económicos para os cidadáns”, amosou a súa confianza en que este traballo “nos leve a un servizo máis eficiente e que no curto e medio prazo resulte máis económico”.
Salientou que a disparidade de taxas, da organización do servizo, dos períodos de cobranza o dos medios cos que se está a levar agora a xestión dos residuos fai especialmente dificultoso poñer en marcha un servizo conxunto que busca unha harmonización na provincia.
“Partimos dunha descompensación, que é que ata agora a xestión deste servizo se está a facer de 62 formas distintas”, algo que, segundo afirmou, fai difícil esa homologación, para a cal se dá un prazo de dous anos.
Nesta liña, anunciou que nos orzamentos de 2014 se contemplará xa unha partida económica para facilitar que os concellos que se adhiran a este servizo poidan facer a adaptación ós custos reais do servizo.











