Inaugúrase o III Congreso de Conservación e Restauración no Museo de Pontevedra
A deputada Ana Isabel Vázquez inaugurou esta mañá no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra o III Congreso de Conservación e Restauración, que reúne a profesionais dos máis relevantes museos de España.
Ana Isabel Vázquez fixo fincapé na relevancia deste encontro, xa que se trata do único en Galicia, e un dos poucos a nivel nacional, centrado na conservación e restauración de bens culturais. Nesta liña, subliñou que é unha materia na que convén afondar porque resulta fundamental para que non se perda o valioso patrimonio cultural e para darlle a coñecer á poboación en xeral o labor que desenvolven os conservadores e restauradores, así como as institucións museísticas.
Anunciou que é un evento que ten garantida a súa continuidade e que os seus organizadores, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais e a Deputación de Pontevedra a través do Museo, se porán a traballar na organización do cuarto congreso en canto remate este.
Remodelacións dos museos
A xornada de hoxe, que conta coa asistencia de máis de 200 persoas, está centrada na manipulación e conservación dos bens culturais dentro dos propios museos e conta coa participación de expertos dos máis prestixiosos museos de España.
A primeira en intervir foi Ainhoa Sanz, do Museo Guggenheim, quen disertou sobre Manipulación e traslado de bens culturais no interior do Museo; seguiulle Benoît de Tapol, do Museo Nacional de Arte de Cataluña, que centrou a súa intervención na Conservación preventiva e na necesidade de controlar os factores que poden influír no deterioro das coleccións.
Xa pola tarde, Judith Ara, do Museo Nacional do Prado, disertará sobre Depósito de bens culturais: criterios para o deseño dun almacén de museo.
Pechará a xornada un caso práctico: A remodelación do Museo Nacional e a xestión de coleccións, que exporá Teresa Gómez Espinosa, do Museo Arqueolóxico Nacional.
As xornadas continuarán mañá, orientadas nesta ocasión a analizar os métodos e elementos que hai que ter en conta á hora de realizar os traslados das obras, ben para préstamos, para exposicións temporais ou por calquera motivo que requira dun desprazamento fóra do seu lugar habitual de conservación.
Maribel Sánchez Quevedo, da Asociación Cultural Española, será a encargada de abrir a xornada cunha conferencia sobre Itinerancia internacional dunha exposición temporal. Criterios técnicos. Borja Zabala, de Intro, analizará o transporte das obras de arte, co relatorio Por unha xestión eficiente do transporte de obras de arte. Xa pola tarde, Juan Antonio Sánchez Pérez, do Museo Nacional Raíña Sofía, exporá Protocolo de xestión de préstamos no departamento de conservación-restauración: accións previas, durante e posteriores a un préstamo.
O caso práctico nesta xornada será o da exposición Pompeya, catástrofe baixo o volcán, da que falará un dos responsables da súa montaxe, Jordi Segura, de Artpercent.
Finalmente, o 15 de novembro será a remodelación do Museo de Pontevedra a que centre a xornada. O director do Museo, José Carlos Valle Pérez, disertará sobre A reestruturación das coleccións do Museo de Pontevedra: fundamentos e criterios, mentres que os responsables da montaxe das exposicións do Sarmiento, Fernando Muñoz Gómez e Miguel Ángel Rodríguez Lorite, de Intervento, falarán de O novo equipamento do Museo de Pontevedra: concepto, instalación e iluminación.











