Concurso de ideas para o Club de Piragüismo e da Escola de Navegación Tradicional A Dorna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, reuniuse está mañá no Pazo provincial co rexedor local da Illa de Arousa, Manuel Vázquez, e con representantes do Club de Piragüismo e da Asociación Cultural e Deportiva A Dorna para avanzar nos trámites necesarios para a construción dun centro de usos náuticos neste concello arousán.

A xuntanza de hoxe, na que tamén participaron técnicos da Administración provincial e do Concello, tiña por obxecto definir os detalles do que se pretende que sexa o dito centro, así como analizar a situación actual e determinar a inclusión de partidas económicas nos orzamentos de 2014, da Deputación e do Concello, para poder iniciar as obras.

Tanto Rafael Louzán coma Manuel Vázquez destacaron que a xuntanza de hoxe “é un paso moi importante” para avanzar na tramitación e para, en palabras de Louzán, “poñer en marcha, canto antes, a construción do novo espazo para deportes náuticos que tanto precisa A Illa de Arousa”.

Un dos aspectos abordados no encontro foi a definición dos detalles do concurso de ideas que a Deputación convocará para a redacción do proxecto, para o cal se recolleu a opinión tanto dos técnicos municipais e provinciais coma dos representantes dos clubs.

O obxectivo, afirmou Louzán, é “que no ano 2014 se poidan iniciar estas obras e que o proxecto recolla as diferentes necesidades destes clubs”, que se merecen un centro perfectamente adaptado “despois de estar traballando tantos anos cunhas instalacións tan precarias”.

O presidente da Deputación lembrou que este é un centro demandado desde hai moitos anos polos clubs náuticos da Illa de Arousa e que a Administración provincial sempre tivo vontade de colaborar para facer realidade este equipamento, aínda que “non foi posible ata o de agora”. Por iso, “nos orzamentos de 2014 da Deputación irá xa unha cantidade importante, e o Concello consignará tamén outra cantidade para arrancar de forma definitiva en 2014 este gran proxecto”.

Celeridade

O rexedor local agradeceu a celeridade coa que a Deputación de Pontevedra está a traballar para construír na Illa de Arousa un centro de usos náuticos, o que, segundo afirmou, demostra a implicación da Administración provincial con este proxecto.

Manuel Vázquez destacou “o esforzo que están facendo” tanto a Administración provincial coma os clubs náuticos, e valorou a convocatoria, por parte da Deputación, da xuntanza que tivo lugar hoxe, “porque é o paso adiante daquela reunión que tivemos no Concello e que vén dicir que aquilo non era só un anuncio senón unha realidade, para empezar a traballar”.

“Isto vai para adiante, isto é un proceso imparable para unha dotación importante e tan necesaria na Illa de Arousa”, afirmou.

19 de novembro de 2013 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.