As obras de execución da ponte sobre o río Armenteira permitirá continuar a senda peonil para enlazar co paseo de Barrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o inicio das obras de execución da ponte sobre o río Armenteira, ubicada en Ribadumia, concretamente na estrada que une Barrantes con Vilariño en Ribadumia (EP-9506) e que está a executar Augas de Galicia.

Na visita estivo acompañado pola alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como polo xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia-Sur de Augas de Galicia, Paco Alonso.

Segundo avanzou o delegado territorial, as obras, que acaban de comezar, poderían estar rematadas a comezos do próximo ano “ou febreiro como moi tarde”.

O proxecto, cuxas obras acábanse de iniciar coa demolición do firma, permitirá rehabilitar a ponte, aumentando a súa luz de 10 a 20 metros, o que permite situar os estribos fóra do leito do río. Deste xeito, a nova obra facilitará os desaugamentos e evitará que a ponte constitúa un obstáculo ao paso da auga nas crecidas dos ríos. “Ao mesmo tempo, esta intervención urxente contribuirá a evitar que a auga incida sobre a súa estrutura”, explicou Cores Tourís.

Os traballos centraranse na reconstrución da ponte e para realizar esta actuación cóntase cun investimento de case 240.000 euros, que axudara ademais a continuar a senda peonil para enlazar co futuro paseo desde a ponte de Barrantes ata a desembocadura do río Umia.

As obras supoñen a retirada das barreiras de seguridade e a demolición do firme, así como da ponte antiga e dos estribos, como traballos previos. Posteriormente executarase a escavación do terreo para a construción de micropilotes, zapatas e estribos. Os novos apoios son cargadeiros de formigón armado de 1,9 de ancho e 1 metro de canto.

A alcaldesa, Salomé Peña, destacou que se trata “dunha importante obra que permitirá mellorar a comunicación entre as parroquias de Barrantes e Sisán”. Segundo apuntou a rexedora, aínda que os traballos estaban previstos para dar comezo en verano, “tivéronse que retrasar dado que por esta ponte pasa a tubaxe de auga que abastece a boa parte da comarca do Salnés e, polo tanto, en época de maior seca, como é o estío, tivemos que parar a programación dos traballos para garantir o abastecemento de auga e agardar a que o consumo de auga baixara”.

A este respecto, o delegado territorial destacou que “aínda que esta obra é moi importante, porque se trata dun vial de comunicación necesario para Cambados e Ribadumia, sí é certo que tivo que garantirse o consumo de auga. Para evitar problemas, por exemplo, en época de vendima, buscáronse accesos alternativos aos viticultores, xa que moitos son veciños dunha zona pero teñen as fincas noutra”.

4 de novembro de 2013 | 15:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.