Aprobada a licitación do proxecto de acceso a Montecelo e Príncipe Felipe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aprobará mañá, na súa Xunta de Goberno, a licitación do proxecto da obra de acceso a Montecelo e Príncipe Felipe, desde a PO-542 (Ponte Bora – O Pino) ata a PO-532 (estrada de Pontevedra a Ponte Caldelas).

Os pregos de bases que serán aprobados establecen unha vía de 1.390 m, con calzada única, dous carrís de 3,50 m, beiravías de 1 m e unha senda peonil de 4 m.

O goberno provincial estableceu un prazo para realizar o traballo de redacción do proxecto de catro meses, cun orzamento de 60.000 euros, e abriu un prazo de presentación de ofertas de 15 días desde a súa publicación no BOPPO.

Convenio de 2,4 millóns

Con esta licitación do proxecto a Deputación cumpre o convenio asinado co Concello de Pontevedra para as obras de acceso a Príncipe Felipe e Montecelo, cun orzamento de 2,4 millóns de euros. Esta contía inclúe a obra, as expropiacións, os gastos de dirección da obra, de seguridade e saúde, ou a redacción do proxecto.

No convenio establécese que a Deputación financia o 50% da obra, asume a redacción do proxecto (60.000 euros) e a licitación, dirección, execución e recepción das obras, así como a tramitación das expropiacións. Pola súa banda, o Concello aboa as expropiacións (560.000 euros) e o 50% da execución da obra, e pon á disposición os terreos así como o outorgamento da licenza e outros permisos.

Futura rolda urbana e substitución de atallo

Ambas as institucións queren que esta obra se integre no futuro como parte da circunvalación, ou rolda urbana, de Pontevedra, ó tempo que solucione, e substitúa, o atallo que agora se utiliza para subir a Montecelo e Príncipe Felipe, a través das rúas Pereiras, das Olivas e Ángel Limeses, hoxe insuficientes e que non están destinadas a soportar o tráfico actual.

7 de novembro de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.