A Deputación de Pontevedra inviste na provincia máis de 8 millóns de euros en obras
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, deu conta esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, de obras por un importe de máis de 8 millóns de € na provincia de Pontevedra.
A Xunta de Goberno adxudicou actuacións do Plan de Investimentos por un total de 545.000 € en Salceda de Caselas, Meaño, O Porriño e Pazos de Borbén.
En Salceda de Caselas investiranse 128.057,24 € na construción de dúas pistas polideportivas na área deportiva de Altamira, marcadas e equipadas para fútbol sala, baloncesto, tenis e voleibol; foron adxudicadas á empresa COVSA.
Pola súa banda, a dotación de saneamento ó núcleo de Cerquido e a pavimentación da estrada de Ribadelouro, no Porriño, contarán cun orzamento de 240.075,20 € e serán executadas por Excavaciones Pérez Portela. Esta mesma empresa resultou adxudicataria dos traballos de urbanización do camiño peonil entre Moscoso e Xunqueiras, en Pazos de Borbén, cun orzamento de 108.781,77 €.
Finalmente, en Meaño, a empresa Narom executará os traballos de saneamento dos núcleos rurais de Barreiro, Freixeiro e Viliquín, cun investimento de 68.779,47 €.
1,6 millóns de € nos campo de Coia e Vilaboa
A estas cifras hai que sumar os preto de 1,6 millóns de € que se destinarán a remodelar os campos de fútbol de Coia, en Vigo, e de San Adrián, en Vilaboa.
No primeiro dos casos a obra faise en colaboración coa Federación Española de Fútbol, cun investimento de máis de 1,2 millóns de €, mentres que o de Vilaboa contará cun orzamento superior ós 400.000 €.
Destinaranse outros 340.000 € ó ensanche e á mellora da estrada provincial de acceso a Chenlo, no Porriño.
Convenios coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil
A estes investimentos hai que engadir os que se realizarán nos concellos de Mondariz, Ponteareas e Mos por medio de convenios coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que ascenden a 5,3 millóns de €.
Louzán lembrou que se trata de obras que contan con financiamento dos fondos europeos nun 80%, pero que, para non perder a subvención, era preciso que os concellos asumisen o 20% restante. Ese 20% é o que asume a Deputación, ante as dificultades que os municipios teñen neste momento para realizar os investimentos.
No concello de Ponteareas realizaranse actuacións de restauración ambiental e mellora da drenaxe no río Canedo, cunha achega de 4 millóns de €; mentres que en Mos se asinará na vindeira semana o convenio para o acondicionamento do leito e as marxes do río Louro, cunha achega de 950.000 €.
Finalmente, en Mondariz poranse en marcha actuacións medioambientais de acondicionamento das marxes no arroio Aboal, cun orzamento de 350.000 €.











