A Deputación de Pontevedra busca financiamento europeo para a ampliación do proxecto Viñas Atlánticas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra solicitará financiamento do programa Life da UE para unha segunda fase do proxecto Viñas Atlánticas, co obxectivo de estendelo a toda a provincia e darlles cobertura a todos os viticultores das cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Así llelo comunicou esta mañá o presidente da Deputación ós bodegueiros da provincia, cos que se reuniu no Edificio Administrativo para mostrarlles o proxecto.

Rafael Louzán valorou “o gran éxito” do programa e incidiu na utilidade da plataforma, creada no marco de Viñas Atlánticas, á hora de minimizar o uso de produtos fitosanitarios, algo que reporta uns notables aforros económicos e ambientais.

Afirmou que o obxectivo é que este proxecto, agora circunscrito á zona do Salnés e Soutomaior (aínda que conta cun perfil con certas utilidades para o público en xeral) e desenvolvido pola Deputación da man das cooperativas Paco & Lola, Condes de Albarei e Martín Códax, “se abra a aqueles que non están nas tres cooperativas, para que calquera viticultor se poida adherir a este sistema”.

Interese xeneralizado entre os adegueiros

No transcurso da xuntanza os bodegueiros amosaron un elevado interese nas aplicacións e ferramentas creadas no marco de Viñas Atlánticas, tanto no que respecta ós instrumentos, destinados a unha xestión máis eficaz das explotacións, coma á parte específica, orientada a reducir a aplicación de produtos fitosanitarios por medio dun sistema de modelaxe matemática, que permite coñecer o risco de aparición de enfermidades (fundamentalmente mildiu) e establecer o mellor momento para tratar as viñas.

Esta predición realízase baseándose nas estacións meteorolóxicas instaladas nas parcelas do Salnés, na situación concreta do fungo, nas condicións do viñedo e mesmo nos tratamentos previos que se desen na parcela.

Con estes datos ofréceselles ós viticultores un aviso de risco de que a súa parcela sexa atacada polo mildiu, indicándolles se convén ou non dar o tratamento. Desta forma redúcense as aplicacións de fitosanitarios ó mínimo necesario. De feito, os 450 viticultores que participaron no proxecto en 2012 rebaixaron a aplicación de fitosanitarios entre un 15 e un 20%, unha porcentaxe que este ano se superará sensiblemente.

Cobertura das 5 subzonas

Aínda que na actualidade existe un perfil público ó que todos os viticultores da provincia poden acceder, para obter información e recomendacións exactas e concretas para cada parcela é preciso estender a rede de sensores meteorolóxicos e lograr a implicación dos produtores e técnicos, que son os que deben incluír os datos particulares da viña –tratamentos, tarefas de poda, fertilización– no libro dixital de explotación, xa que algúns deles son fundamentais para o cálculo da necesidade ou non de tratamento; por exemplo, pode que na zona da parcela haxa un elevadísimo risco de mildiu pero que a viña en cuestión fose tratada uns días antes e aínda dure a protección.

Por iso a Deputación optará a unha nova fase deste proxecto na nova convocatoria do programa Life, co obxectivo de acadar o financiamento necesario e dar cobertura ás 5 subzonas da DO Rías Baixas existentes na provincia: Ribeira do Ulla, Val do Salnés, Soutomaior, O Rosal e Condado do Tea.

Ruta do viño do Condado

Rafael Louzán aproveitou para anunciar a inminente posta en marcha, por parte da Deputación, dunha nova ruta do viño na comarca do Condado.

O presidente da Administración provincial incidiu en que a nova ruta, que se presentará no mes de decembro e que terá como base Ponteareas, vai permitir que, ó igual que se está a facer no Salnés, O Condado se beneficie dunha maior proxección turística, co viño e a cultura vitivinícola como base.

27 de novembro de 2013 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.