A Deputación concede 20.000 euros á AECC para o mantemento dunha Unidade Móbil de Coidados Paliativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra destina 20.000 euros á Asociación Española contra o Cancro para o mantemento da Unidade Móbil de Coidados Paliativos, adscrita ó Servizo de Oncoloxía do Hospital Meixoeiro, que permite a atención no domicilio dos enfermos terminais da provincia.

Así se recolle no convenio asinado esta mañá polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, e María José Crespo, presidenta da Asociación Española contra o Cancro.

Con este acordo a Deputación quere contribuír a manter un servizo primordial para os enfermos terminais de cancro, como é a dita Unidade Móbil de Coidados Paliativos, que permite que estes enfermos poidan permanecer no seu fogar, acompañados dos seus, pero contando, tanto eles coma os seus familiares, cunha atención integral e con todos os coidados necesarios.

A Unidade atende 143 pacientes na provincia de Pontevedra, cunha media de cinco enfermos diarios; no que vai de ano a Unidade Móbil percorreu máis de 30.000 quilómetros.

Os enfermos terminais reciben tratamento e atención integral do médico e do persoal de enfermería da Unidade. Ademais, o programa de atención a pacientes con cancro conta con catro psicólogos e cun traballador social para atender os enfermos e familiares; o persoal de psicoloxía atendeu 1.884 pacientes e 1.351 familiares.

Outras 501 familias contaron coa axuda da Asociación Española de loita contra o Cancro a través do programa de seguimento da dor.

Louzán subliñou a necesidade de apoiar esta organización porque “desenvolve un papel clave”, dando cobertura a unha necesidade de moitos enfermos e familias que atravesan por un momento moi complicado.

Así, afirmou que o labor que se leva a cabo tanto desde a Unidade de Coidados Paliativos coma desde os programas da dor e de apoio psicolóxico “non é nada fácil”, e merece todo o recoñecemento.

15 de novembro de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.