A Asociación de Déficit de Atención e Hiperactividade de Pontevedra recibe 3.000 euros en material informático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra colabora coa Asociación de Déficit de Atención e Hiperactividade de Pontevedra (ADAHPO) co obxectivo de facilitarlles a prestación dun servizo de calidade ás persoas con  trastorno de déficit de atención e hiperactividade (TDAH) e ás súas familias.

Con este obxectivo a Administración provincial subvenciona con 2.785 euros a adquisición do material informático específico que esta entidade precisaba para garantir o seu mellor funcionamento.

As responsables desta entidade reuníronse esta mañá coa deputada Ana Isabel Vázquez co obxectivo de presentarlle o labor que están a realizar na actualidade e que inclúe a atención ás persoas con TDAH pero tamén ós nenos con outras necesidades específicas de apoio educativo.

No transcurso da xuntanza a presidenta da asociación, Montserrat Álvarez Rodríguez, e a secretaria, Raquel Durán Argibay, comentaron con Vázquez Reboredo os novos proxectos que queren poñer en marcha, así como o crecemento que, nos poucos anos que leva en funcionamento, rexistrou a asociación, o que fai que nestes momentos se lles quede xa pequeno o local no que traballan.

Entre os servizos que esta entidade lles presta ás persoas con TDAH figuran a intervención terapéutica e o seguimento e control do tratamento farmacolóxico, o asesoramento clínico e educativo, a atención ás familias, a xestión de axudas, respiros familiares de fin de semana, actividades de tempo libre coma campamentos de verán ou ludotecas e actividades extraescolares, ou novas liñas coma a que pretenden impulsar agora de terapia con animais.

20 de novembro de 2013 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.