Un curso de actividades de venda outorgará o certificado de profesionalidade a 15 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto aQuelando3, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, inicia hoxe o curso “Actividades de venda”, no que participan 15 desempregados que obterán o correspondente certificado de profesionalidade.

Este curso pertence á primeira edición da formación do mencionado proxecto; ten unha duración de 630 horas, das cales 550 son de formación teórica e 80 de formación práctica.

As 550 horas de formación teórica están compostas por: módulos de formación específica, de 510 horas (operacións de venda, operacións auxiliares de venda, información e atención á clientela e inglés profesional para actividades comerciais); módulos de formación complementaria, de 20  horas (habilidades sociais, procura de emprego e prevención de riscos laborais); e módulos de formación transversal, de 20 horas (fomento da non discriminación e loita contra a exclusión social, fomento das Novas Tecnoloxías, fomento do coidado e respecto do ambiente e fomento da igualdade de oportunidades).

O módulo de formación práctica, de 80 horas, realizarase en lugares de traballo relacionados coa actividade laboral do comercio.

Este curso está asociado coa obtención do certificado de profesionalidade ó amparo do convenio asinado coa Xunta de Galicia para acreditar a formación que se imparta dentro do proxecto aQuelando3. As clases impartiranse, en horario de tarde, na aula de comercio da Deputación de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo.

Finalizados 5 cursos que formaron a 75 desempregados

Da primeira edición da formación do proxecto aQuelando3 xa finalizaron 5 cursos nos que participaron un total de 75 persoas desempregadas, que puideron realizar unha formación acreditada para mellorar a súa integración no mercado laboral. O obxectivo é que un 40% dos participantes sexan inseridos laboralmente.

En novembro, novos cursos para 180 persoas

No próximo mes de novembro poranse en marcha 12 novos cursos da segunda edición da formación do proxecto aQuelando3 nos que van participar 180 persoas.

Estas accións formativas impartiranse en diferentes concellos da provincia de Pontevedra.

7 de outubro de 2013 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.