publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

“Querido Balbino” chega a Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCercedaLocalPortada dereita
A-
A+
Cerceda acolle "Querido Balbino" na sala de exposicións Xosé Neira Vilas

Cerceda acolle “Querido Balbino” na sala de exposicións Xosé Neira Vilas

A mostra “Querido Balbino 1961-2011: 50 anos de Memorias dun neno labrego”, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, homenaxea a obra máis lida e máis traducida da literatura galega fai parada en Cerceda, onde a visitou esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado do escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

“Querido Balbino” inaugura, ao seu paso por esta localidade coruñesa contemplada da itinerancia que está a ter en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, a nova sala municipal de exposicións “Xosé Neira Vilas”. No acto de apertura, amais de García Gómez e do escritor, tomaron parte o alcalde, José García Liñares, e as concelleiras responsables das áreas de Cultura e Educación, Matilde Begoña Rodríguez Rumbo e María Viqueira Iglesias, respectivamente.

Logo dunha visita guiada pola mostra, o auditorio municipal acolleu un encontro-coloquio no que douscentos escolares do 3º ciclo de Educación Primaria e da ESO do CEIP Celso Emilio Ferreiro e do CPI O Cruce tiveron oportunidade de achegarse de primeira man ao escritor e á súa obra, acompañados polo seu profesorado e por integrantes dos equipos de dinamización da lingua galega dos devanditos centros.

Mostra-homenaxe a Balbino e ao seu creador

“Querido Balbino” articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia “Memorias dun neno labrego”-da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de “Memorias dun neno labrego”, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damián Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a “Carta a Balbino” que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Achegarlle as letras á cidadanía

A mostra leva en itinerancia desde abril de 2011, no que fixo medio século que se publicou en Bos Aires “Memorias dun neno labrego”, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade, dispoñible xa en 17 e en preparación a edición en xaponés). Entre as adaptacións teatrais que se teñen feito dela destaca unha representación en México, na Península do Iucatán, primeiro en castelán e posterioremente en maia, na que Balbino se presentou como un neno indio.

Ata o día 23 poderase visitar na Sala de Exposicións “Xosé Neira Vilas” de Cerceda (situada no edificio da Biblioteca Municipal), en horario de 15:30 a 20:00 horas, de luns a sábado. Tras o seu paso por bibliotecas nodais e museos de Galicia, polas localidades da RDL de Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Oleiros, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes, Fisterra, Pontedeume, Zas, Castrelo de Miño, Santiago de Compostela e Cerceda, as paradas da mostra nas vindeiras semanas serán nos concellos de Boqueixón, Carral, Curtis e Ferrol.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o hábito lector na cidadanía, nomeadamente entre a xente máis nova a través da redescuberta da obra que xa é un dos piares da literatura galega contemporánea.

18 de outubro de 2013 | 00:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.