Os “Concertos de Outono” chegan á Ribeira Sacra
O ciclo, en cuxa organización participa o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, consta de dous concertos, que se levarán a cabo o vindeiro día 19 do presente mes e o 2 de novembro e nas que intervirán, respectivamente, as formacións de música vocal Vox Stellae e Vox Organalis. As activiades “Concertos de Outono” están promovidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Este programa de concertos ten entre os seus obxectivos poñer en valor o “rico e diverso patrimonio cultural da zona, a través duns concertos nos que se percorren diversos estilos musicais en espazos arquitectónicos singulares”. Así o expuxo a xefa de coordinación da Área de Cultura da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Yolanda Gómez González, que xunto coa xefa do servizo de Turismo do mesmo departamento territorial, Paloma Vázquez, e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, foi a encargada de presentar a iniciativa.
Gómez González sinalou que este ciclo “representa unha aposta da Xunta arredor da música e do patrimonio” dentro dunha zona da Galicia interior na que “estes dous ámbitos posúen un valor moi forte”.
De feito, os dous concertos servirán para achegar os diversos repertorios de música vocal que ofrecen cada unha das dúas formacións a senllos escenarios de especial significado histórico-artístico: o Mosteiro de Santa Cristina (Parada de Sil) e a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao).
O próximo día 19, o coro Vox Stellae abrirá o ciclo en Parada do Sil cun concerto titulado Mestres da polifonía ibérica. Esta formación, fundada no ano 2002 e que aborda no seu repertorio un abano musical que vai dende o canto gregoriano ata a música contemporánea, fará un percorrido pola música polifónica na península, a través dunha vintena de obras, na que se mesturan obras relacionadas con mestres como Cristóbal de Morales e Tomás Luis de Victoria con outras de carácter eminentemente relixioso.
Polo que respecta ao día 2 de novembro, Vox Organalis levará a súa proposta vocal á igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño, un enclave estreitamente ligado co título do concerto (Do Codex Calixtinus á exaltación do viño), porque o punto de partida da escolma de obras que presentará Vox Organalis vai dende a época da que data o famoso manuscrito, a mesma na que se considera que foi construído o templo do Saviñao, ata os estertores da Idade Media.
Os encargados da presentación dos concertos coincidiron en sinalar o atractivo que posúe esta proposta artística. Unha iniciativa que, segundo resumiu Yolanda Gómez, está fundamentada “na procura da calidade, do valor estético, pero tamén das distintas tendencias musicais e do diálogo entre as artes, en contornos para dar a coñecer e con enorme encanto e valor patrimonial”.
As entradas para cada un dos concertos teñen un prezo de 5 euros e poden retirarse xa no Centro do Viño de Monforte, dirixíndose a dirección www.ribeirasacra.org/turismo, na dirección de correo turismo@ribeirasacra.org ou chamando ao teléfono 638.823.592.