Os bolseiros do Plan de Práctica Laboral estarán traballando o 2 de xaneiro de 2014
Rafael Louzán asegurou esta mañá que os 450 mozos e mozas titulados superiores ós que a Deputación de Pontevedra lles concederá bolsas de práctica laboral en empresas privadas estarán traballando o 2 de xaneiro de 2014.
Así o afirmou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, onde indicou que a semana próxima se darán a coñecer os prazos que os interesados terán para presentar as súas solicitudes, así como as titulacións requiridas. Os beneficiarios serán mozos titulados superiores menores de 35 anos e sen experiencia laboral previa.
Para definir o perfil dos bolseiros primeiro convocouse ás empresas para participar no programa; 479 presentaron a solicitude, aínda que, unha vez analizada esta, o número de beneficiarias quedou en 400 (a selección fíxose tendo en conta cuestións coma a oferta dun itinerario formativo para o bolseiro ou que o traballo que se lle vai encomendar se adecúe á súa titulación).
Rafael Louzán subliñou que se trata dun plan “totalmente novidoso” na provincia e que vai permitir, xunto co que xa está en marcha de práctica laboral en administracións locais, que máis de 1000 persoas poidan realizar o seu traballo en Galicia e “non teñan que marchar fóra a traballar”.
Neste sentido sinalou que as bolsas –que cubrirán o custo salarial íntegro– estarán abertas a 113 titulacións e que cada unha das empresas disporá de entre 1 e 3 bolseiros. Terán unha duración de seis meses, prorrogables por outros seis, co obxectivo de que estes mozos estean traballando e formándose durante un ano, coa perspectiva de poder continuar na empresa.
Entre as titulacións máis demandadas están Administración e Dirección de empresas, Administración e Finanzas, Xestión comercial e Marketing, Relacións laborais, Ciencias económicas, Sistemas informáticos, Psicoloxía, Empresariais ou Dereito.











