O remate da estrada Baión-András desde o seu inicio ata o punto quilométrico 3,6 suporá un investimento de 1.500.000 euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou hoxe un investimento de 1,5 millóns de euros para rematar a estrada Baión-András, desde o seu inicio ata o punto quilométrico 3,6, no cruzamento de Sixto.
O anuncio tivo lugar nunha visita ás obras de mellora do trazado e da seguridade viaria que a institución provincial está a realizar no tramo que vai desde o cruzamento de Sixto ata a curva de Serantes, entre os quilómetros 3,6 e 5,4 da dita estrada.
Neste tramo a Deputación rectificou as curvas e o trazado, e construíu unha plataforma de 12,60 metros de ancho.
Durante a visita Rafael Louzán destacou o compromiso do organismo provincial co acondicionamento deste espazo, que hoxe permite a entrada de vehículos de gran tonelaxe que antes non tiñan esta posibilidade, conseguindo xuntar o proxecto dun acceso digno coa mellora das comunicacións de Baión. A nova vía dá servizo ó polígono, ó campo da festa, pero tamén une a igrexa co centro da vila sen ter que baixar pola estrada xeral.
Remate da estrada
No tocante ó remate da estrada Louzán manifestou que o proxecto de obra xa está redactado e dixo que o novo traballo incluirá a construción dalgunhas variantes, de aí o seu elevado orzamento.
A estrada Baión-San Simón-András-Vilanova ten 9,3 quilómetros de longo e unha alta densidade de tráfico pois une a vía Pontevedra-Vilagarcía coas de Salobeira e András; sirve de acceso, ademais, a Vilanova e evita o paso por Vilagarcía de Arousa.
A Deputación de Pontevedra xa acometeu, en anos pasados, diversas actuacións de ensanche e mellora en 4,3 quilómetros desta vía de comunicación, en concreto de András a Salobeira ata o enlace coa estrada autonómica Ponte Arnelas-Vilagarcía.











