O PAAR de Campo Lameiro convértese no epicentro dunha aproximación á creación de obxectos de bronce desde a Prehistoria
O o 25 e 26 deste mes o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro converterase na sede das xornadas Transformando materiais. Unha aproximación interdisciplinar á produción de obxectos de bronce, nas que se ofrecerá un diálogo entre 40 creadores de obxectos de bronce(artistas e artesáns) e expertos na produción e uso deses obxectos no pasado (arqueólogos, historiadores, restauradores-conservadores, químicos). A finalidade deste encontro, que é totalmente gratuíto para os asistentes, é mellorar a comprensión a evolución dos procesos sociais e tecnolóxicos implicados nesta produción desde a máis antiga metalurxia da Europa atlántica ata a actualidade por medio da experimentación e da elaboración de réplicas e novas creacións. Cómpre salientar o éxito de convocatoria desta iniciativa, para a que se esgotaron as prazas en pouco tempo.
O xermolo do encontro nace a partires da necesidade de compartir experiencias e intercambiar información entre os diferentes axentes relacionados coa produción de bronce -arqueólogos, químicos, artesáns…-, de tal forma que poidan afondar no coñecemento da milenaria tradición cultural no noroeste peninsular arredor deste metal. De feito, este saber aínda pervive hoxe en pequenos obradoiros artesáns que elaboran obxectos de bronce cun modelo artesanal que marca unha continuidade entre o pasado e o presente.
Esta actividade é organizada polo Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre e conta coa colaboración da Universidade de Vigo e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. As xornadas enmárcanse no Programa Cultura da Unión Europea, en concreto no proxecto GESTART (Artistic Gestures revisiting European Artistic diversity and convergence), no que é socio a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería a través do PAAR de Campo Lameiro. O proxecto é coordinado pola Cámara Municipal de Maçâo (Portugal) e ten tamén como socios ao Instituto Terra e Memória (Portugal), ao Centro Universitario Europeo per i Beni Culturali (Italia), á Welsh Rock Art Organisation (Reino Unido), e á Dirección General de Patrimonio Cultural da Junta de Extremadura.
Conferencias e actividades
As xornadas arrincarán o próximo venres 25 coa conferencia Alquimistas e artesáns. A emerxencia social do metal, impartida pola profesora da Universidade de Vigo e investigadora do Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) Beatriz Comendador. A continuación, a investigadora da Universidade Nova de Lisboa, do Instituto Superior Técnico e da Universidade Técnica de Lisboa, Elin Figueiredo, ofrecerá unha visión da produción de bronce e de obxectos deste metal na Pre e Protohistoria a través dos estudos arqueometalúrxicos. O programa da mañá completarase coa intervención do investigador do GEAAT Aaron Lackinger Pedra, barro, cera e bronce: unha achega experimental á transformación de materiais na prehistoria. Xa pola tarde, o artesán Pablo Leal impartirá unha conferencia sobre a produción artesanal de pezas neste metal; visión que se enriquecerá cunha visita dos participantes na xornada ao taller de campás de Ocampo, en Caldas de Rei.
O programa do sábado céntrase na celebración de diferentes obradoiros coordinados por Beatriz Comendador e Aaron Lackinger, de preparación da estrutura para a fundición, onde despois se realizarán un machado tipo Barcelos e unha peza de bronce coa técnica da cera perdida. Como peche, o director do PAAR, José Manuel Rey García, acompañará aos asistentes nunha visita nocturna aos petróglifos do parque.