O organismo provincial destina 300.000 euros a 331 actividades culturais pontevedresas sen ánimo de lucro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de axudas por un importe total de 279.837 euros a distintas asociacións e entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais, segundo informou o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

Esta achega permitiu que a organización de eventos na práctica totalidade dos concellos da provincia, dado que contaron con financiamento 331 entidades para outras tantas actividades.

Entre as actividades financiadas están concertos de música, festivais, intercambios culturais, certames, exposicións, ciclos de conferencias, semanas culturais, actividades para nenos, mozos e maiores, xornadas formativas ou seminarios, entre outros.

Son actividades ás que tiveron acceso practicamente todos os veciños  da provincia, porque non hai ningunha comarca na que non se organizase algún evento financiado con esta liña de axudas.

Estas achegas non só permiten manter a actividade cultural nos diferentes concellos da provincia, senón que son tamén unha forma de promover o tecido asociativo.

Na cidade de Pontevedra foron 21 as asociacións que se acolleron a esta liña de axudas, percibindo un total de 17.804 euros. Entidades doutros concellos da comarca como Poio, Cotobade, Barro e Ponte Caldelas tamén se beneficiaron destas axudas.

4 de outubro de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.