O Memorial Filgueira Valverde do Museo de Pontevedra analizará tres fitos na investigación da Prehistoria galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O XII Memorial Filgueira Valverde, que terá lugar no Museo de Pontevedra os días 5, 6 e 7 de novembro ás 20:00 horas, dedicarase nesta ocasión á análise de tres fitos particularmente significativos na investigación da Prehistoria galega dos últimos anos: os xacementos do Cabrón en Arbo, o de Porto Maior nas Neves e o de Cova de Eirós en Triacastela (Lugo).

Os dous primeiros teñen unha grande importancia pois fornecen ós investigadores de información esencial sobre a natureza dos primeiros poboadores de Galicia. A súa antigüidade, como é o caso de Porto Maior, con ferramentas de tipo acheuliano, podería aproximarse ó medio millón de anos.

No caso da Cova de Eirós, no concello lucense de Triacastela, as súas pinturas e gravados son datables no Paleolítico Superior, hai, pois, entre 25.000 e 10.000 anos.

Os tres xacementos son, na actualidade, as primeiras testemuñas da arte parietal do noroeste peninsular. As pinturas asociadas ós monumentos megalíticos son esenciais para un mellor coñecemento da visión actual do mundo simbólico e da capacidade técnica de quen os produciron hai cinco ou seis milenios.

Eduardo Méndez Quintas, do Instituto de Estudos Miñoranos, abordará o día 5 o máis antigo poboamento de Galicia, medio século despois das Gándaras de Budiño. Ramón Fábregas Valcarce, da Universidade de Santiago, impartirá un relatorio o día 6 baixo o título “A Cova de Eirós: os primeiros artistas de Galicia”. Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, falará o día 7 verbo da “A arte neolítica. Expresións en espazos funerarios”.

O XII Memorial Filgueira Valverde, que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo, insírese nas novidades que ofrece o discurso expositivo do inaugurado hai pouco Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. A súa inauguración permitiu dar a coñecer ó gran público un conxunto excepcional de obras e materiais arqueolóxicos exhumados de décadas e incluso séculos, procedentes de xacementos aínda en curso de escavación e estudo.

21 de outubro de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.