publicidade hoxe

O concello de Moraña recibirá unha partida de 200 mil euros para saneamento de varias parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMorañaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que acompañou ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, á inauguración do campo de fútbol de Moraña, anunciou que nos presupostos que está a elaborar o Goberno galego para o ano 2014 incorporarase unha partida de case 200.000 euros para a mellora do saneamento nos lugares de Souto, Casal e A Igrexa, onde se eliminarán as fosas actuais de vertedura e conectarase tamén estas instalacións á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Moraña, unha actuación que beneficiará a arredor de 1.300 veciños de varias parroquias.

A Fosa de Casal, situada á beira do Rego Laceira, recibe na actualidade as augas residuais dos núcleos de Casal, Conles e Trambosríos, os tres pertencentes á parroquia de Laxe (San Martiño) no concello de Moraña. Así mesmo, a esta fosa está prevista tamén a conexión da rede de saneamento de Fontenla, Penagrande e Querguizo que está a ser executada por Augas de Galicia.

A nova rede de saneamento do Casal deséñase para eliminar a fosa existente, mediante a conexión da rede do Casal á rede de saneamento de fecais en Chaián, o que permitirá, conxuntamente coa actuación prevista no Souto, a incorporación de caudais á EDAR de Moraña.

Compromiso

Por outra banda, Hernández destacou a aposta da Xunta de Galicia por este Concello pontevedrés, lembrando que o seu departamento leva investidos máis de 39 millóns de euros dende abril 2009. O responsable de Medio Ambiente do Executivo autonómico subliñou actuacións como o acondicionamento do treito Caldas-Moraña da estrada PO-221, rematada en marzo de 2012 e onde se investiron 5,2 millóns de euros.

13 de outubro de 2013 | 00:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.