publicidade hoxe

Convenio para xestionar as augas residuais na comarca de Valdeorras

Acto de sinatura do convenio

Acto de sinatura do convenio

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou que a sinatura do convenio de colaboración para a xestión do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais na comarca de Valdeorras marca o inicio dunha nova cultura para o abastecemento e a depuración dos municipios galegos, así como o camiño que debe seguirse para conseguir un Pacto Local da Auga de ámbito autonómico.

Hernández e Jose Luís Baltar Blanco, como presidente da Deputación de Ourense e do Consocio de Augas de Valdeorras, asinaron o convenio. Segundo o conselleiro o Consorcio constitúe unha experiencia pioneira e representa o futuro da xestión da auga en Galicia, que “será coordinada, máis sinxela, xusta e directa para os concellos, feito que repercutirá nun mellor mantemento da rede”, precisou.

Esta convenio implica un investimento de 630.000 euros para garantir a viabilidade financeira do Consorcio, e beneficia a 28.000 habitantes de 9 concellos (O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras). Así, a Xunta de Galicia comprométese a achegar un 75% do déficit previsto de explotación no servizo e a Deputación de Ourense un 25% restante. Ademais, este acordo pretende dotar de maior liquidez o Consorcio, xa que a Xunta anticipa 2/3 da achega correspondente aos servizos prestados na anualidade 2013.

O período que abrangue o convenio é de dous anos, tras os cales se avaliará a experiencia de cara a sacar conclusións que permitan o seu axuste e o traslado a outros ámbitos territoriais galegos.

O Consorcio de Augas de Valdeorras é unha experiencia piloto da Xunta para avaliar os custos reais de prestación supramunicipal dun servizo de depuración que inclúa a explotación das pequenas depuradoras e fosas sépticas e servirá de experiencia de cara a posibilidade de estendelo a outros puntos de Galicia.

A prestación do servizo sufrágase cunha taxa depuración equivalente ao coeficiente de vertedura da Xunta de Galicia, de modo que se poida avaliar a súa suficiencia para cubrir os custos do servizo nun ámbito territorial do rural galego. Dado que se trata dunha experiencia piloto, prevese que se produza un déficit de explotación, o cal será cuberto pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense a través deste convenio de colaboración.

Baixo este modelo de xestión explótanse as estacións depuradoras de augas residuais da Rúa e O Barco, outras 9 pequenas depuradoras que dan servizo a núcleos de poboación de menor entidade e ata 160 fosas sépticas que tamén necesitan dun mantemento para que acaden os rendementos agardados. Ademais, o Consorcio tamén xestiona o abastecemento e saneamento do concello do Barco de Valdeorras, polo que na cabeceira comarcal se encarga da xestión do ciclo integral da auga.

15 de outubro de 2013 | 00:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.