Comeza a segunda fase de Coidarte e Saúde e Benestar
Os programas de balnearios Coidarte e Saúde e Benestar, postos en marcha pola Deputación de Pontevedra, beneficiarán a preto de 9000 persoas; os interesados poden apuntarse ata o 30 de novembro.
O obxectivo é facilitar que as persoas maiores de 50 anos, pensionistas ou coidadores de persoas dependentes que precisen dun respiro familiar poidan gozar duns días de descanso e lecer nun balneario, spa ou talaso da provincia.
Coidarte
Este programa diúrno contará cun total de 5514 prazas e ofertaranse, polo menos, catro balnearios, que os beneficiarios poderán elixir en función das súas preferencias.
As bases recollen que a Administración provincial destinará para esta actividade 193.500 euros, 35 euros por beneficiario. Pola súa banda, os concellos que decidan adherirse ó programa subvencionarán con 10 euros cada praza co obxectivo de reducir ó máximo o prezo que deberán aboar os beneficiarios, que será, como máximo, de 95 euros por cinco días.
Coidarte 2013 permitirá que as persoas ás que vai destinado o Plan poidan gozar de cinco tardes, de luns a venres, nun balneario, talaso ou spa da provincia a prezos reducidos; contarán, ademais, con transporte de ida e volta entre o seu concello de residencia e o establecemento hoteleiro elixido.
Saúde e Benestar
Convocarase un total de 3333 prazas co obxectivo de que as persoas que así o desexen poidan pasar sete días e seis noites nun spa, balneario ou talaso, en réxime de pensión completa; facilitaráselles tamén o traslado de ida e volta desde o concello no que residen ata o establecemento no que se hospeden. A Deputación destinará para Saúde e Benestar 100.000 euros.
Con estes dous programas preténdese fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou con necesidade dun respiro familiar, ó tempo que se contribúe á dinamización económica e ó mantemento do emprego nos establecementos hoteleiros da provincia.











