As actualizacións catastrais do ORAL rexistran a alta de 1.500 novos inmobles
Os labores de actualización catastral que o ORAL está a realizar nos concellos da provincia facilitaron a alta de máis de 1500 novos inmobles no que vai de ano, ós que hai que sumar outros expedientes de alteración motivados por cambios nos bens declarados e que xa tributaban, coma obras de reforma, ampliación ou construcións de anexos, que suman unhas 5000 actuacións.
A meirande parte destes expedientes de alteración abríronse naqueles concellos nos que o ORAL procedeu a un traballo completo de actualización e mantemento catastral, que, no último ano, foron os municipios de Sanxenxo, Cambados, Mos, A Estrada, Gondomar, Nigrán, Tomiño, Cotobade e O Porriño.
En todos eles revisouse o padrón completo de cada concello e citáronse os contribuíntes para a actualización de datos.
Os traballos realizados este ano veñen completar os que se levan facendo no último lustro, que incluíron procedementos masivos de actualización na práctica totalidade dos concellos da provincia adheridos ó ORAL, que na actualidade son 46.
Actualizacións masivas
Así, no Concello da Estrada foi onde se citou un maior número de contribuíntes, acadando os 2000, e tamén no que máis expedientes de actualización catastral se abriron, con 1500 (incluíndo novas altas e outras modificacións).
En Mos citáronse 1250 contribuíntes e xeráronse 700 expedientes de revisión catastral; os mesmos que en Sanxenxo, onde se citaron uns 1500 contribuíntes.
Pola súa banda, en Cambados deuse atención personalizada a 700 persoas e abríronse uns 450 expedientes, o mesmo número que en Gondomar.
En Nigrán xeráronse 300 novos expedientes, en Tomiño 300, en Cotobade 460 e no Porriño 250.
Este labor que o ORAL está a realizar non só permite mellorar a situación económica dos concellos senón que, sobre todo, é unha garantía de equidade, facilitando que todos os cidadáns contribúan segundo o que lles corresponde.
Facilidades
Nesta liña o ORAL non só desenvolveu neste ano actualizacións masivas do catastro, senón que está a prestarlles apoio e asistencia ós contribuíntes de numerosos concellos da provincia en instalacións municipais, evitándolles así desprazamentos para realizar xestións relacionadas coa Administración tributaria catastral.
Así, son moitos os municipios ós que, con certa frecuencia, técnicos do ORAL se achegan para atender consultas e dúbidas dos contribuíntes e para facilitarlles a realización de trámites que, ás veces, poden resultarlles complexos se non contan con esta asistencia.
Vilanova de Arousa, Cangas, Moaña, O Porriño, Poio, Ponteareas, Mondariz ou Mondariz-Balneario son só algúns dos concellos nos que o ORAL presta atención personalizada e regular ós seus veciños.
Polígonos industriais
Outra das liñas de actuación que durante o que vai de ano desenvolveu o ORAL foi a de dar asistencia a varios concellos que así o solicitaron para facilitar a alta de grupos de inmobles que ata o momento non tributaban.
Estes labores afectaron de forma especial a naves en polígonos industriais e a grupos de vivendas de recente construción e que non estaban incluídas no catastro.
Entre os concellos que se beneficiaron desta asistencia concreta figuran Vilanova de Arousa, onde, entre outras actuacións puntuais, se procedeu a unha actualización da situación catastral de inmobles no polígono de Tremoedo; Meaño, onde se están a levar a cabo traballos puntuais de actualización en diferentes zonas do concello e que deu orixe na primeira fase a unhas 40 novas altas en zonas industriais; ou O Porriño, Tui, Ribadumia, Barro, Valga, Ponte Caldelas e Campo Lameiro, onde tamén se está revisando o catastro nos polígonos industriais.
Novos cadros de valores
Cómpre destacar tamén o apoio técnico e económico que o ORAL presta a aqueles concellos que están a abordar un novo cadro de valores, cos que colabora en diversos traballos coma os estudos de mercado, a xestión de notificacións ou a colaboración na atención ó público.
Nesta situación están actualmente os concellos de Cotobade e de Salvaterra de Miño. Nos dous casos o ORAL realizou previamente unha actualización masiva do padrón no pasado ano 2012, facilitándolle así á Xerencia territorial do catastro de Pontevedra, dependente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, o desenvolvemento dos labores de elaboración dos novos cadros de valores.











