A estrada entre Cabanas e As Pontes AC-564 estará rematada nunha semana

Mapa da estrada entre Cabanas e As Pontes (AC-564)
As obras de reparación estrutural e superficial levadas a cabo na estrada AC-564 que une Cabanas (AP-9) e As Pontes (AG-64) remataranse nunha semana. A actuación inclúe a reparación do firme desta estrada que forma parte da rede Primaria Básica da Xunta nun tramo de dous quilómetros naqueles puntos máis deteriorados dos concellos de Cabanas, A Capela e As Pontes. Trátase dun proxecto incluído nun paquete elaborado polo departamento autonómico para acometer o arranxo de diversas estradas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que foi adxudicado por un importe de máis de 450.000 euros.
Así, nos vindeiros meses tamén se acometerán os traballos para mellorar as estradas AC-102 (As Felgosas-Esteiro), AC-121 (Filgueiras-Roxal) e AC-142 (As Pontes-O Piñeiral). En total, os traballos incluirán a limpeza de 22.564 metros cúbicos de terreo, o fresado de 93.075 m2 e o emprego de 106 toneladas de betún asfáltico, ademais de 2.373 toneladas de formigón bituminoso. Por outra banda, colocaranse 508 metros de barreira e 541 metros de gabia de seguridade, utilizaranse 296 toneladas de microaglomerado e colocarase a sinalización, balizamento e defensas correspondentes.
Estas actuacións beneficiarán aos máis de 43.500 habitantes dos concellos coruñeses da Capela, Fene, As Pontes, Neda, Cabanas, Cedeira e Cerdido.
Mellora da seguridade viaria
O departamento de Medio Ambiente do Goberno galego levará a cabo esta obras necesarias polos distintos deterioros que presentan estas vías. As reparacións estruturais e superficiais permitirán prolongar a vida útil do firme destas estradas. Ademais, realizaranse obras de mellora da seguridade viaria.
Con esta adxudicación, a Xunta de Galicia mantén a súa vontade e compromiso de levar a cabo actuacións de seguridade viaria nas estradas que o precisen, a pesar da situación económica actual, un escenario moi distinto aos anos de bonanza anteriores.