A Escola de Gaitas da Deputación abre o curso en Pontevedra con máis de 700 alumnos matriculados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Escola de Gaitas e Percusión da Deputación inaugura esta tarde o curso na súa sección de Pontevedra, situada no Centro Príncipe Felipe, nun acto que terá lugar ás 20:00 horas.

O director da Escola e presidente da Federación Galega de Gaitas, Hipólito Cabezas, sinalou esta mañá que se trata dunha escola que, lonxe de perder alumnos, está a incrementar o seu alumnado, acadando xa máis de 700 matriculados nas cinco seccións que compoñen a Escola (O Salnés, O Morrazo, Deza, Vigo e Pontevedra).

No caso de Pontevedra hai 150 matriculados nestes momentos e aínda está aberto o prazo para a inscrición. As clases neste centro son totalmente gratuítas e só é preciso aboar 25 euros en concepto de matrícula.

Canteira de gaiteiros

O obxectivo da Escola, tal e como sinalou a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, é contribuír “a manter viva a nosa cultura, a nosa tradición e os nosos costumes” desde unha “perspectiva aberta, e tratando de que esta tradición vaia máis alá das nosas fronteiras”.

De feito, son moitos os músicos que se forman neste centro e que posteriormente continúan a súa carreira tanto nas bandas que ten a propia Escola coma, sobre todo, noutras agrupacións locais que levan a música tradicional galega a moitas partes de Galicia e de fóra de Galicia.

Nesta liña, o director da Escola fixo fincapé en que, moi ó contrario do que algunhas agrupacións crían cando botou a andar a Escola de Gaitas da Deputación, lonxe de restarlles músicos a outras bandas, a Escola está a nutrir numerosas bandas e asociacións folclóricas de toda a provincia.

Perfil do alumnado

En canto ó perfil dos alumnos é moi variado e vai desde os nenos e nenas de 6 anos ata persoas que superan os 70 anos. De feito, segundo indicou Hipólito Cabezas, hai unha elevada porcentaxe de persoas prexubiladas que acoden á Escola para adquirir un dominio básico da gaita, o redobrante ou a pandeireta, instrumentos que non tiveron a ocasión de aprender na súa xuventude.

En canto ó sexo, a porcentaxe entre mulleres e homes é moi equilibrada: sitúase practicamente ó 50% no caso da gaita, pero non así no da pandeireta, onde o 90% son mulleres, malia que nos últimos anos son cada vez máis os homes que se matriculan neste instrumento.

Final da Liga de Bandas

Moitos dos que se formaron nestas escolas da Deputación participarán o vindeiro 27 de outubro, xunto con máis de mil gaiteiros e percusionistas dunhas 30 agrupacións musicais de Galicia, do resto de España e Portugal, na Final da XXIII Liga de Gaitas, que terá lugar na avenida Montero Ríos.

Este evento estaba previsto para o pasado mes de xullo pero foi aprazado en solidariedade coas vítimas do accidente de Angrois, entre as que, segundo asegurou Hipólito Cabezas, tamén había persoas vinculadas ás distintas bandas que participan neste certame.

A final comezará ás 10:00 horas do domingo e nela participarán unha trintena de agrupacións, entre as que se atopan as agrupacións da sección de Deza (4º grao) e Lalín (3º grao) da Escola de Gaitas da Deputación de Pontevedra.

O certame comezará coa actuación das bandas que compiten no 4º grao e irá cobrando maior espectacularidade ó longo da tarde, a medida que vaian participando as agrupacións cunha maior traxectoria e, en consecuencia, cunha maior calidade tanto musical coma de interpretación e estética; culminará coa actuación das que compiten no 1º grao, as de maior traxectoria e espectacularidade.

As bandas actuarán ó aire libre, desfilando e formando círculos, ó tempo que interpretan as pezas que seleccionasen para esta ocasión.

Os xuíces terán que puntuar cada banda en función de cinco apartados: Gaita, Percusión, Estética, Afinación e Conxunto.

2 de outubro de 2013 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.