publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A EDAR industrial de Cerceda impulsa a competitividade empresarial do polígono de Acevedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaGaliciaLocal Portada
A-
A+
Percorrido da comitiva pola EDAR de Cerceda

Percorrido da comitiva pola EDAR de Cerceda

A depuradora industrial de augas residuais de Cerceda, obra froito da colaboración interadministrativa de Xunta de Galicia e concello foi supervisada polos conselleiros Agustín Hernández e Francisco Conde. Ambos salientaron que esta obra contribúe ao desenvolvemento do polígono e desta zona, impulsando a competitividade empresarial e beneficiando aos máis de 6.000 veciños do concello e toda a súa área.

Agustín Hernández avanzou que o departamento que dirixe explotará por un período dun ano a EDAR industrial de Cerceda, para posteriormente ser entregada ao Concello. Sinalou que coa posta en servizo desta infraestrutura hidráulica, desde o verán cando se remataron as obras, o polígono de Acevedo dispón do saneamento necesario.

O conselleiro de Medio Ambiente recordou que se trata dunha actuación financiada integramente pola Xunta, a través dun convenio de colaboración entre as dúas consellerías dotada de case 4 millóns de euros, e que contou con Fondos Feder.

Pola súa banda, Francisco Conde salientou que a nova EDAR beneficiará de forma clave ao parque empresarial de Acevedo e responde ao compromiso do Goberno galego tanto coas pemes galegas como co desenvolvemento das comarcas mineiras. Neste senso, Conde subliñou que a nova instalación fará máis atractiva a zona á hora de atraer novos proxectos empresariais e xerar empregos.

Destacou o conselleiro de Economía ademais que, co obxecto de apuntalar a súa competitividade, o parque de Acevedo ven de recibir 100.000 en euros en axudas da Consellería de Economía e Industria para a mellora das súas comunicacións, dentro dun plan de 4 millóns que permitirá abordar proxectos nos parques galegos, en eidos como o aforro e eficiencia enerxética, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos ou vías de acceso.

Características técnicas

A nova EDAR da servizo ás tres novas zonas industriais do concello de Cerceda: o polígono do Acevedo (1ª fase, 80 ha), actualmente acometido, unha futura ampliación deste (136 Has) e o Parque Empresarial de Cerceda (220 ha).

Para iso proxectouse unha rede de saneamento (tanque de retención e bombeo, impulsión e colector de gravidade) e unha EDAR para augas industriais cunha capacidade de servizo de 19.000 habitantes.

A EDAR construíuse dentro dun edificio pechado, cunha configuración modular para facilitar as sucesivas ampliacións. Conta cun depósito de homoxeneización, tratamento biolóxico de biomasa somerxida con capacidade de eliminación de nitróxeno e dous tanques, aerobio e anóxico, dúas liñas de tratamento químico posterior ao biolóxico, e filtro banda de deshidratación dos lodos producidos.

Recuperación económica

A construción desta EDAR é consecuencia das políticas de mellora que está a levar a cabo o Goberno da Xunta co fin de favorecer zonas que contaron cunha industria florecente e, neste momento, faise necesario montar infraestruturas que fagan posible unha recuperación ambiental destas áreas. Estas actuacións supoñen un importante beneficio para os máis de 6.000 veciños do concello e toda a súa área.

O concello de Cerceda ten una importante tradición mineira, que se remonta a mediados do século pasado. Para continuar co seu desenvolvemento resulta necesario favorecer a evolución económico-industrial desta zona coa creación de novas empresas, polo que se fai de interese especial levar a cabo actuacións coma esta, xa que a depuradora de augas residuais para Cerceda redundará na mellora da calidade de vida e no benestar dos veciños desta comarca.

Coa mellora dos servizos favorécense as solucións que garanten unha saída non traumática para os traballadores afectados polas perdas de postos de traballo na minaría, ao tempo que se evita o despoboamento.

2 de outubro de 2013 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.